Stop Deshaucios Barbanza e a Valedora do Pobo loitan para evitar o desaloxo en Ribeira dun matrimonio de octoxenarios

A plataforma Stop Deshaucios Barbanza vén de pór de manifesto a delicada situación pola que está a pasar un matrimonio de octoxenarios de Ribeira, onde teñen vivenda habitual. Segundo sinala o colectivo que coordina o noso colaborador José Manuel Pena, malia a moi complicada situación social, sanitaria e económica pola que estamos a pasar, sobre o matrimonio pende neste intre unha orde de desafiuzamento para o 26 de novembro. A plataforma está a traballar dende hai un tempo para pór freo á situación, e entre as institucións que xa mostraron o seu firme apoio atópase a oficina da Valedora do Pobo, que, segundo lembran dende o colectivo, está a realizar un enorme esforzo para evitar o desaloxo.

Stop Deshaucios recorda que a vivenda do matrimonio fora hipotecada no seu momento por parte do BBVA e coa devandita entidade financeira mantivéronse as xestións pertinentes, pero estas interrompéronse coa venda do inmóbel a unha inmobiliaria que forma parte do mesmo grupo que a dita entidade financeira. A plataforma fixo saber que dende a oficina da Valedora continúan a día de hoxe os contactos cos novos propietarios ao obxecto de chegar a un acordo cos mesmos para que o matrimonio, con enfermidades crónicas, de avanza idade e con máis de oitenta anos cada un deles, poidan seguir residindo na vivenda a través dun aluguer social.