O aumento de casos positivos en Boiro nos últimos días, a maiores do Nivel 3 de alerta imposto na localidade, fai que O Concello tome unhas medidas preventivas específicas para a mellora da situación sanitaria. Sen embargo, a Consellería de Sanidade, informa que “o municipio de Boiro continúa hoxe en Nivel 3 de alerta por casos activos de COVID-19 pero as medidas de prevención seguen sendo as mesmas que estaban vixentes ata o momento, recollidas no DOG núm. 223-Bis, orde do 4 de novembro de 2020”.
As medidas preventivas específicas ás que se refire o Concello consisten en aprazar a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de novembro, concretamente ao día hoxe; intensificar as limpezas e desinfeccións nas zonas de maior afluencia (núcleos urbanos, supermercados…) e pechar o servizo de recadación municipal durante o resto do día, tras o positivo dun traballador.
Dende o Concello de Boiro, recomendan priorizar a atención telefónica e telemática se non é unha necesidade urxente ou cita previa, ademais de utilizar a máscara obrigatoria e respectar as distancias de seguridade. Doutra banda, O Concello expón que de encontrarse un positivo nalgunha empresa, realizarase a proba aos demais traballadores do departamento correspondente e informarase ás autoridades sanitarias. Do mesmo xeito, estase a traballar no plan de teletraballo para aplicalo de ser necesario.
As actividades culturais e lucrativas, seguen mantendo as restricións impostas ata o momento. Mentres, o Concello de Boiro pide extremar as precaucións para superar a pandemia.