
Nestes tempos de pandemia e restricións, os nosos concellos están a facer un importante esforzo para compatibilizar a seguridade sanitaria co apoio decidido ao sector cultural, que foi, e segue a ser, un dos máis afectados pola crise sanitaria. Un exemplo disto é a contribución ao calendario de actividades desta tempada outono-inverno presentado este xoves 5 polo Concello da Pobra, unha contribución que pon o foco no teatro e que se terá o seu principal centro de operacións no antigo cine Elma. As pezas a representar clasifícanse en para maiores de 16 anos e para público infantil e familiar. Así o anunciaron esta mañá a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro.
A edil Patricia Lojo manifestou que os obxectivos son “ofrecer alternativas de ocio seguro para a nosa veciñanza”, facendo fincapé en que a “cultura é segura” de se facer coas medidas requiridas, ademais de que se pretende “reducir o impacto negativo da pandemia no sector cultural”. Na súa intervención, a técnica da Cultura apuntou que, para o público infantil e familiar, “intentamos englobar música, teatro, monicreques… para ofrecer un abano máis amplo”.
O bloque da programación destinada a maiores de 16 anos comeza neste domingo 8, ás 19.00 horas, con Bernarda. Vilalba 1975, de Malasombra, a cal recolle o punto de partida de La casa de Bernarda Alba, escrita por Federico García Lorca en 1936. Trata así a historia dunha muller que queda viúva con fillas mozas e decreta un rigoroso loito, pero traslada a acción a unha vila de Galicia case corenta anos máis tarde, en 1975, nun momento en que as ansias de cambios chocan coas tradicións máis arraigadas, como é neste caso o loito.
Continúa no domingo 15, ás 19.00 horas, da man de Teatro do Atlántico con Dúas donas que bailan, na cal compártese o drama, os soños e os fracasos das complexas personaxes, nunha viaxe “intensa, divertida e brutalmente conmovedora”.
Señora Supina presenta Cinco mulleres que comen tortilla ás 19.00 horas do domingo 29. Trasladará o público á América de 1956, onde cinco mulleres sobreviven á caída dunha bomba atómica na súa localidade e, tras moitas confesións e historias do pasado, chegan á conclusión de que a tortilla é o máis importante que teñen nas súas vidas. A liberdade, a relixión, o feminismo, as moralidades ou o medo ao descoñecido son algúns dos motores desta obra.
Xa no mes de decembro, representaranse as pezas teatrais máis dirixidas ao público infantil e familiar, adscritas ao programa Nadal Cultural. Baobab Teatro representa Puño Puñete no martes, 22 de decembro, ás 18.30 horas. Este espectáculo aposta por unha forte poética e por promover a lingua galega. En palabras de Baobab, trátase “dunha viaxe a través das palabras e da música, rescatando ditos populares, refráns, poemas, lerias e enredos”.
No mércores, 23 de decembro, ás 18.30 horas, Fantoches Baj presenta Os golfiños e o xigante. Trátase dun espectáculo de sombras chinesas que narra unha historia real extraída dunha nova que se fixo eco na prensa internacional.
O luns 28 de decembro, ás 18.30 horas, representarase A feira das linguas con Lydia Botana. Consiste nun concerto acústico cunha instrumentación variada: piano, acordeón, ukelele, caixón, instrumentos doutras culturas e mais autóctonos mesturados con bases electrónicas.
A peza Os limpa, limpa chegará da man de Expresións Producións, no martes 29 de decembro ás 18.30 horas. A través do teatro e o clown, transforma o mundo laboral nun universo único de creatividade, de xogo, de comedia e diversión.
Por último en xaneiro será a quenda dos monólogos. Oswaldo Digón recala no domingo, 17 de xaneiro, ás 19.00 horas, para presentar o seu novo espectáculo móbil, non só polo seu percorrido, senón tamén polo seu contido cambiante e en constante crecemento, co seu selo único e orixinal.
No domingo, 24 de xaneiro, ás 19.00 horas, Apatacon trae Por unha peseta. Un traballo onde a voz narrada e cantada se achegan para atopar canto vale unha peseta. Historias da vida recollidas no noso contorno e que nos achegan a partes iguais ao humor, á sensibilidade e á tenrura propias da nosa xente.
Finalmente, Avelino González subirá ao escenario para lles achegar aos asistentes o monólogo humorístico Contos que foron chistes no domingo 31, ás 19.00 horas.
As entradas son de balde e, debido á situación sanitaria derivada do coronavirus, as persoas interesadas deben facer a súa reserva na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981 831 545. A dita programación está organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Por outra banda, a concelleira lembrou que neste sábado 7 ás 20.00 horas o grupo Amoenus ofrecerá un concerto. Quen desexe asistir de público pode solicitar a súa entrada a través das distintas plataformas onde ten presenza este grupo.
Todas as actividades desenvolveranse seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.