Reivindicar o uso do galego e poñer o foco nas novas xeracións é un dos grandes obxectivos da iniciativa Correlingua, que reivindica tamén os beneficios para a nosa cultura das quedadas xuvenís de confraternidade pero que este ano 2020, como tantas outras citas e encontros, tivo que adaptar os seus programas á nova realidade da COVID-19 e as súas inevitábeis restricións. Unha destas actividades controladas vai celebrarse en Rianxo o vindeiro 2 de decembro, concretamente no CEIP Ana María Diéguez de Asados, da man do grupo Bibilirlocke.
Segundo nos confirman dende o Concello de Rianxo, este ano o Correlingua estase a celebrar nos centros de ensino, ante “a imposibilidade de organizar a actividade central, que é a carreira pola lingua”. Así, chega a terras rianxeiras en formato concerto do grupo Biribirlocke (segundo clasificado no concurso Cantalingua), que actuará ante o alumnado do CEIP Ana María Diéguez de Asados e que poderá seguirse en streaming a través dunha ligazón específica. O espectáculo está previsto para as 10.00 horas do devandito 2 decembro.
No acto intervirán o responsábel do Correlingua na comarca do Barbanza, Serxio Núñez, que lerá o manifesto do Correlingua 2020, e Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, que ofrecerá unhas palabras de benvida.