O Concello de Ribeira fixo recentemente a modificación e ampliación das beirarrúas que están arredor da praza do Concello e este labor de remodelación, segundo vén de sinalar o BNG local, fíxose “sen que o Goberno local planificase previamente a localización dos contedores de lixo”, que, ademais, “son de maiores dimensións cós que foran habilitados previamente”. Isto, engade o BNG, produciu “numerosas dificultades no concello”, xa que “houbo que poñer os contedores enriba das beirarrúas, impedindo, en ocasións, o paso as persoas viandantes e ocultando os escaparates dos comercios”.
Xa en decembro de 2018, o BNG solicitara a revisión da localización dos contedores para “evitar atrancar beirarrúas e impedir a circulación viaria”. Actualmente existe o mesmo problema e os nacionalistas piden unha solución. Segundo o concelleiro Luís Pérez Barral, “desde o Bloque temos sido críticos coa improvisación coa que se fan as obras en Ribeira en xeral, e coa colocación dos contedores, en particular”.
Pérez Barral confirma que recibiu queixas dos veciños que viven na Praza do Concello. Para eles, a localización dos contedores de lixo é un impedimento para a mobilidade na localidade, posto que dificulta a visualización dos escaparates das tendas e o paso polas beirarrúas. Os veciños tamén protestaron polo ruído que fan os camións cando recollen o lixo.
Polo tanto, o BNG solicita:
– Que o Concello de Ribeira estude localizacións alternativas para os contedores situados na Praza do Concello, sen ocasionar molestias aos negocios.
– Que o Concello de Ribeira faga un proxecto e revise a localización de moitos contedores que atrancan ou dificultan o tránsito pola beirarrúa e/ou impidan visualizar os escaparates de establecementos comerciais.