Media ducia de concellos da nosa contorna xuntan forzas na campaña De Fronte á violencia de xénero da Deputación

05 Novembro 2020

Máis de cincuenta concellos da provincia da Coruña xa se sumaron á fronte común contra as agresións machistas impulsada pola Deputación: o movemento De Fronte á violencia de xénero, unha campaña que ofrece un completo programa de actividades para a concienciación social e o compromiso para erradicar o machismo. Entre os concellos que xa xuntaron forzas na iniciativa atópanse os de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Lousame, Outes, Dodro e Carnota.

A iniciativa, alentada pola Área de Igualdade da Deputación, xira arredor da xornada do 25 de novembro, data en que se celebra o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A campaña nace co reto de implicar á meirande cantidade concellos e á meirande cifra de cidadás e cidadáns en contra da devandita lacra social.

“O obxectivo é que a sociedade se conciencie de que ninguén pode estar impasíbel fronte ao feminicidio. Non vale mirar para outro lado, agochar a mirada e dar á volta á esquina para pasar por riba do problema. Á violencia machista temos que poñerlle freo de cara, de fronte, mirando directamente e buscando solucións, concienciándonos da súa gravidade e poñéndonos da parte das mulleres”, explicou a deputada de Igualdade, María Muíño, na presentación da campaña, que bota a andar nos concellos e tamén na Rede, con páxina web propia e distintas actividades que, por mor da pandemia, desenvolveranse maiormente de maneira telemática.

Neste sentido, a Deputación apostou por primar na imaxe os ollos que miran directamente co lema De Fronte á violencia de xénero que atoparán reflexo nunha campaña nos medios de comunicación e tamén en diversos soportes de difusión, entre eles, algúns que convidan a participar activamente na campaña incorporando os ollos propios á imaxe e difundindo o resultado nas redes sociais. “O deseño busca fomentar un movemento social contra a violencia machista, plantándolle cara, implicándose, denunciando, por exemplo, se son testemuñas de casos, comprometéndose coas mulleres”, explicou María Juanatey, da empresa Bululu Creativos, creadora da campaña.

Programa de actividades

Entre as actividades que forman parte do programa ofreceranse en liña e en aberto tres conferencias que abordarán a violencia de xénero desde diferentes perspectivas, como o da mocidade, da man de Vanessa Rodríguez Pousada, das tecnoloxías da información, con Sara Vierna Fernández, e dos medios de comunicación, con Ana Sanmartín López. Ademais, para públicos de todas as idades, celebrarase entre o 9 e o 15 de novembro unha actividade guiada por Palmira Castro de narración poética que incluirá unha acción colectiva de origami nas redes sociais. Sira e a illa é o título da proposta que se manterá na Rede durante seis días e poderá ser unha ferramenta de achegamento e concienciación en centros de ensino e outras entidades.

Contos de nenas grandes e pequenas, unha produción de Marta Ortiz e Brais das Hortas para nenas e nenos, estará tamén en aberto do 23 ao 29 de novembro e do 4 ao 26 de novembro poderase participar no Desafío poético, un concurso que consistirá en compartir en Facebook ou Twitter un texto poético, propio ou non, con premio en compra de libros nunha libraría.

A estas actividades únese a creación dunha web específica da campaña, a páxina defronte.gal, que conta con información sobre o proxecto, propostas de recursos de utilidade e acceso ás diferentes actividades.

A iniciativa tamén se verá reforzada con oito pequenos vídeos onde diferentes persoeiros da cultura galega recitarán versos contra as violencias machistas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

Si se cumplen las predicciones demoscópicas, el próximo domingo EH Bildu ganará las elecciones en el País Vasco, superando por primera vez al PNV en escaños y en votos. El fenómeno de crecimiento abertzale está rasgando las vestiduras de muchos politólogos y...