
O Concello de Lousame abrirá o 3 de decembro (até o día 9) o prazo de inscrición na iniciativa Lousame Concilia, programa para facilitar a actividade laboral das nais e pais que se convoca conxuntamente para os tres próximos períodos de vacacións escolares do ano: Nadal de 2020 e Entroido e Semana Santa do 2021. O Concello de Lousame ofrece 20 prazas en cada convocatoria, mentres que as familias poderán optar por anotarse nun, dous ou nos tres períodos ofertados. As inscricións deberán formalizarse nos Servizos Sociais locais do 3 ao 12 de decembro.
Trátase, en concreto, dun servizo de canguraxe para nenos e nenas de 3 a 12 anos que ficará activo nos días laborábeis dos períodos de vacacións escolares, en horario de 9.30 a 14.30 horas, nas instalacións do CPIP Cernadas de Castro.
Como dixemos, o Concello convoca 20 prazas para os próximos tres períodos vacacionais: Nadal (9 días: 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro; e 4, 5 e 7 de xaneiro), Entroido (3 días: do 15 ao 17 de febreiro de 2021) e Semana Santa (4 días: 29, 30 e 31 de marzo e 5 de abril).
Requisitos
Para anotarse, as familias só terán que cubrir e asinar o correspondente impreso de solicitude (que poden descargar da web do Concello), unha declaración xurada de residencia efectiva e acreditábel en Lousame e presentar a última nómina ou recibo de persoas autónomas para acreditar a situación laboral. As familias monoparentais deberán achegar tamén certificado emitido pola Xunta de Galicia.
Á hora de establecer o baremo para a admisión dos pequenos, o Concello outorgará 3 puntos a todos os menores empadroados en Lousame cunha antigüidade mínima dun ano. Así mesmo, daranse 2 puntos a aquelas solicitudes cos dous proxenitores empregados ou con un empregado no caso das familias monoparentais. Finalmente, achegarase 1 punto no casos nos que un dos proxenitores traballe e aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar (3.495,96 €/mes e 4.020,35 €/mes no caso de familias numerosas ou monoparentais).
En caso de empate na puntuación, aplicarase a orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello de Lousame. Así mesmo, dende Servizos Sociais lembran que tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos ao Lousame Concilia en datas concretas, sempre que queden prazas vacantes. Para iso é preciso chamar ao 693 562 853 para reservar a praza.
Trátase dun programa de conciliación familiar organizado polo Goberno local e co-financiado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia.