Clausurado o obradoiro de emprego de Lousame-Noia, que formou a 20 persoas en aproveitamentos forestais

16 Novembro 2020

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na mañá deste luns 16 no acto de clausura do obradoiro de emprego Lousame-Noia, celebrado na Casa da Cultura de Lousame. Trenor estivo acompañado polo tenente de alcaldesa de Lousame Ramón Martínez; o alcalde de Noia, Santiago Freire; e o director do obradoiro, Andrés Novo, quen entregaron un diploma acreditativo e un certificado de profesionalidade aos 20 alumnos e alumnas que completaron o seu período formativo na especialidade de aproveitamentos forestais e no que a Xunta investiu máis de 480.000 euros.

Trenor apuntou que despois de algo máis dun ano de formación, xa que estes cursos pospuxéronse durante os meses de confinamento e cando se retomaron cumpriron os meses establecidos no seu inicio, “agora toca saír a buscar un emprego co aval da mellor formación nunha área na que existe unha gran demanda”. O delegado da Xunta recalcou que agora “estades mellor preparados ca nunca para conseguir un posto de traballo o para emprender proxectos propios porque contades cun título oficial válido en toda España que acredita a vosa preparación”.

Pola súa banda, Ramón Martínez destacou que “nestes momentos temos o compromiso firme de contratación de 4 persoas das que participaron no obradoiro” e indicou aos demais alumnos e alumnas que “os tempos son difíciles pero o sector forestal ten posibilidades de xerar emprego”. Así mesmo, destacou o bo facer do equipo de docentes e o apoio da Xunta de Galicia ao prorrogar 3 meses o obradoiro diante da crise da COVID-19.

Martínez Rial puxo en valor o traballo realizado polo alumnado no monte de San Lourenzo, “onde contamos cun magnífico recurso natural, paisaxístico, cultura, xeolóxico e arqueolóxico no que en breve iniciaremos as xestións para que sexa declarado Punto de Interese Local. Aló limpouse de maleza, liberáronse 16 hectáreas de especies foráneas e plantáronse 2.500 árbores autóctonas”. Así mesmo, destacou as actuacións realizadas en Aldeagrande, Bosque do Neno, Vilacoba, Bouciñas…

Finalmente, Santiago Freire asegurou que “nos sentimos agradecidos do traballo realizado no Monte do Bolo, na contorna da fábrica de curtidos da Chaínza, de Pontenafonso e noutras zonas onde estivestes traballando. Espero que esta experiencia vos abra as portas do mercado laboral”. Ademais, apuntou que “estamos ante unha boa nova como é a concesión dun novo obradoiro para Noia, Lousame e Outes, que comezará en breve”. Ademais dos lugares mencionados, o obradoiro tamén actuou na contorna do local social de Barro, na área recreativa da Barquiña e en parcelas municipais en Bergondo e San Paio (en Noia).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...