CCOO pide aos Concellos do Barbanza medidas para impedir a destrución de emprego na hostalería e o comercio

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia, que engloba os sectores de hostalaría e comercio, especialmente afectados pola pandemia, e a Unión Intercomarcal de CCOO de Santiago-Barbanza, veñen de instar aos 39 concellos da contorna de Compostela e Barbanza que impulsen e acorden medidas para fomentar e protexer o emprego nos devanditos ámbitos produtivos, activando recursos inmediatos e eficaces, conxuntamente, para pór freo á destrución de postos de traballo nestes eidos.

CCOO coida que a precaria situación en que se atopan as pemes e autónomos tamén repercute “moi negativamente” na situación do persoal asalariado. Para o sindicato é unha “prioridade absoluta” evitar que se perda tecido empresarial, polo que propón “apostar por mecanismos de financiamento, axudas, moratorias e liquidez, que permitan o sostemento das empresas, maioritariamente de autónomos e pemes, pero en termos recíprocos: as empresas deben comprometerse a soster o emprego”.

CCOO considera que “hai que incidir prioritariamente en axudas a contratación; renegociación dos alugueres; dixitalización; axudas ao turismo; adiamento, reducións ou eliminación temporal dos impostos locais, ou fomento do consumo da hostalería e comercios locais”.

Segundo CCOO, “estas axudas deben ir ligadas a unha serie de requisitos por parte das empresas”. Por exemplo, non estar sancionadas pola inspección de traballo; estaren ao día coas nóminas e obrigas con Facenda e Seguridade Social; a obriga de ter medidas de seguridade; así como o fomento da igualdade, da conciliación e da non discriminación.