A agrupación SumaRibeira presentou un comunicado relativo ás peticións da Real e Ilustre Cofradía da Dorna para que o Concello siga a declarar festivo local o día grande dos festexos dorneiros, o 24 de xullo. Segundo fai saber a agrupación, “a festividade da Dorna debe respectarse e potenciarse á hora de outorgarlle preferencia como festivo local”.
A plataforma cidadá que impulsa Xurxo Ferrón declara tamén que “por sorte para a cidade e grazas ao gran traballo desenvolvido ao longo de moitos anos pola xente de Ribeira, e especialmente por distintas xeracións da mocidade ribeirense, a Dorna é a festa por excelencia da nosa localidade”. Tendo en conta isto, engaden, “parécenos incuestionábel que é hoxe un valor importante en distintos aspectos (festivo, económico, cultural, turístico) que, máis alá doutras respectábeis consideracións, debemos coidar con agarimo e potenciar”.
SumaRibeira recoñece que en condicións habituais debería defenderse como segundo festivo o Martes de Entroido, “pero pensamos que co contexto da pandemia é moi probábel que as medidas de prevención da saúde comunitaria teñan que limitar en gran medida as posibilidades da importante celebración popular que habitualmente acompaña o noso Entroido, por iso pensamos que este ano é conveniente substituír o Martes de Entroido pola festividade de San Xoán o xoves 24 de xuño, festa popular na que se dá unha coincidencia de festexos entre a do propio santoral e a ancestral celebración arredor do solsticio de verán”.
Tendo en conta estes argumentos, o grupo presentará unha emenda á proposta do alcalde (16 de febreiro Martes de Entroido e venres 16 de xullo festividade da Virxe do Carme) e substituíla pola consistente en determinar como festivos locais o San Xoán e a Festa da Dorna.