A Consellería de Sanidade vén de acordar limitar as xuntanzas en toda Galicia, tanto públicas como privadas, a un máximo de dez persoas. Esta é unha das decisións adoptadas polo Comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 na nosa comunidade, logo da xuntanza desta tarde, tras constatar o aumento de contaxios en xuntanzas sociais e familiares.
Así mesmo, decidiuse restrinxir a mobilidade nos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás, logo da xuntanza desta tarde do Comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 na nosa comunidade. O comité considera conveniente reforzar as medidas de prevención co obxecto de protexer, coa máxima intensidade posible, a saúde da poboación destes concellos e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona. Deste xeito, queda establecida unha mobilidade perimetral entre os concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás polo que os seus habitantes non poderán desprazarse fóra deles agás por motivos laborais, educativos ou sanitarios.

Ademais, decidiuse elevar ao nivel 3 de restrición no concello de Verín, no que siguen as restricións de xuntanzas a grupos de persoas que non viven xuntas. Lembramos que bares e cafeterías limitaranse a atender nas terrazas a grupos de persoas que viven xuntas. Os restaurantes poden servir tamén no interior, cun aforo limitado ao 50%.
Ademais entra en nivel 2 a comarca de Celanova. Entre estas restricións xerais deste nivel destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros, así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.
Todas estas medidas, que se publicaron este mércores, 14 de outubro, no Diario Oficial de Galicia, entrarán en vigor dende as 00,00 horas do xoves.