R leva a súa fibra FTTH ás familias e empresas da Lomba, na Pobra

22 Outubro 2020

A operadora de telecomunicacións R segue a traballar na comarca do Barbanza para lograr importantes incrementos na cifra de fogares e negocios que teñen a posibilidade de conectarse á súa fibra óptica FTTH (polas súas siglas en inglés, fibra até o fogar). Os traballos, que xa puxeron o foco en boa parte dos concellos da comarca (Muros, Noia, Rianxo hai uns días), seguen en activo neste último treito de 2020, abranguendo tamén os anos vindeiros. A operadora achegou este 22 de outubro un balance sobre o despregue recente (e o vindeiro) na Pobra do Caramiñal. Segundo fai saber, os habitantes do núcleo da Lomba xa dispoñen de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 500 Mbps simétricos e poden desfrutar doutros servizos avanzados de telecomunicacións grazas ás redes de nova xeración de R, que engade que o despregue fíxose “aproveitando ao máximo as infraestruturas do lugar”.

Deste xeito, 72 novos fogares e negocios da Lomba quedaron preparados para recibir os servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R. Segundo informou a compañía galega de telecomunicacións, a peche de ano estaremos a falar de máis de 170 residencias particulares e empresas da contorna conectadas ás súas redes de última xeración.

Cando se complete este plan na Pobra, tras o exercicio de 2021, a localidade coruñesa contará xa con preto dun milleiro de fogares e empresas con conexión ás redes de nova xeración do operador galego.

A maiores do Plan Avanza, R leva tempo investindo no fornecemento de infraestruturas na Pobra do Caramiñal, onde a día de hoxe xa gozan de cobertura das devanditas redes avanzadas arredor de 3.440 fogares e empresas.

Estas e outras actuacións na provincia da Coruña forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar, antes de 2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispoñan de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).

No desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea.

En concreto, o despregue na Pobra do Caramiñal encádrase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e oeste de Lugo). Para estas actuacións, cun investimento total de 2,6M€ destinarase unha axuda dos fondos FEDER de 2,09M€. Un segundo proxecto fala igualmente do fornecemento de banda larga de nova xeración con tecnoloxía FTTH, desta volta en 162 núcleos do centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo). O investimento total neste caso é de 3,58M€, 2,86 deles subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. O terceiro dos proxectos adxudicados desenvolverase en 196 núcleos doutros municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). A cobertura nestas zonas suporá un investimento total de 3,75M€, cunha subvención dos fondos FEDER de máis de 3M€.

Outros artigos

O Pazo da Mercé, na Listaxe Vermella do Patrimonio de Hispania Nostra

A Lista Vermella do Patrimonio que mantén actualizada online a asociación Hispania Nostra denunciando o estado de abandono dos tesouros da xeografía española, vén de engadir un novo inmóbel do Barbanza aos seus rexistros, que sumar á Casa da Cadea (A Pobra) e a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

O chipriota Costas Kadis, de 57 anos, será -se así o decide o Colexio de Comisarios- o próximo Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea- A proposta de nomeamento parte da presidenta deste organismo da UE, Ursula von der Leyen, quen confía en que o político...