O pobrense Daniel Lorenzo, candidato a bispo auxiliar de Santiago

01 Outubro 2020

Despois da partida o pasado xullo de monseñor Jesús Fernández González, bispo auxiliar de Compostela á Diocese de Astorga, empezan a soar os primeiros nomes de quen podería converterse no seu sucesor.

Segundo informa na súa edición de hoxe “El Correo Gallego” citando fontes eclesiásticas consultadas polo xornal, a Nunciatura Apostólica en Madrid xa puxo en marcha a maquinaria para a elección dun auxiliar para a Diocese de Santiago. Así, a misión do nuncio do papa en España, monseñor Bernardito Auza, sería a de proporcionar á Santa Sé, en concreto á Congregación para os Bispos, unha lista de tres candidatos aptos para esta misión pastoral.

O representante diplomático estaría a traballar agora na elaboración desta terna que se presentará ao Papa, quen elixirá ao novo auxiliar de Santiago.

Tal e como puido saber o xornal de Compostela neste momento soan como posibles aspirantes polo menos catro sacerdotes da propia Diocese de Santiago, e outro galego que reside en Madrid. Así nas últimas semanas gañou moita forza o nome de dous cóengos da Basílica de Santiago, o pobrense Daniel Lorenzo Santos, actual director da Fundación Catedral e vigairo xudicial da Arquidiocese; e tamén Elisardo Temperán Villaverde, quen ademais de prefecto de cerimonias da Basílica é tamén chanceler do Arcebispado de Santiago.

Daniel Lorenzo

Crese que son dous dos principais perfís que está a estudar o nuncio e que teñen moitas papeletas para formar parte da terna que se envíe ao papa.

Tamén sonan José Andrés Fernández Farto, secretario da Provincia Eclesiástica de Santiago e profesor do Instituto Teolóxico Compostelán; e tamén José Antonio Seoane Ares, actual vigairo territorial de Santiago e con gran experiencia pastoral polo seu permanente contacto coas parroquias.

Candidatos a bispo auxiliar de Santiago. Fonte El Correo Gallego

De ser elixido un dos catro, Compostela contaría de novo cun bispo auxiliar da propia Diocese, un feito que non se produce desde a elección de monseñor Luís Quinteiro Fiuza en 1999.

Así as cousas, todo apunta a que a incógnita sobre o próximo auxiliar resolverase nos próximos meses, posiblemente antes do Ano Santo 2021 a apertura do cal está previsto para o 31 de decembro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión