O Fondo Xacobeo 21 e o Museo do Pobo Galego renden homenaxe á Xeración Nós cunha exposición

O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para dinamizar o galego ao tempo que se impulsa o labor de artistas, creadores e empresas do eido cultural nestes tempos marcados pola crise sanitaria, homenaxea dende este xoves 15 de outubro á Xeración Nós. Faino en colaboración co Museo do Pobo Galego coa mostra Mar de Libros de Isabel Pintado, inaugurada este día 15 en San Domingos de Bonaval (Santiago) nun acto que contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A exposición poderá verse até o 6 de decembro.

“A Xeración Nós abriu un tempo novo para a lingua, para a literatura e para as artes galegas en xeral, un cambio perfectamente retratado nesta fantástica exposición que nos amosa a pintura en diálogo cos libros, coas palabras, coa poesía, coa literatura”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na súa intervención.

Participaron na inauguración, ademais do representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e do comisario da mostra, o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, e mais o director do museo, Manuel Vilar.

A mostra, comisariada por Antón Castro, ofrece unha escolma de obras fundamentalmente pictóricas onde o libro é o centro dos cadros que forman parte dos fondos da artista, así como de coleccións particulares de Galicia, Madrid e Portugal, entroutras procedencias.

Isabel Pintado

A autora, Isabel Pintado, é licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Reside en Galicia desde o ano 1991. Foi profesora de Debuxo no INB Gregorio Marañón de Madrid, de Expresión Gráfica no Centro Español de Novas Profesións e de Talleres de Arte na Escola Ocupacional da Universidade da Coruña. Impartiu cursos de arte na Universidade Internacional Menéndez Pelayo, na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, no Museo de Arte Contemporánea Unión-Fenosa (MACUF) e no Museo de Belas Artes da Coruña. Así mesmo, realiza talleres de pintura en seda, gravado calcográfico, técnicas aditivas e libros de artista.

O Grupo Nós

O 20 de outubro de 1920 naceu na cidade de Ourense a revista Nós. Arredor dela, xurdiron un grupo de autores literarios que, a partir da Asemblea de Monforte (1922), fóronse integrando nas estruturas das Irmandades da Fala. A revista Nós estaba conformada principalmente na súa orixe polos integrantes do cenáculo ourensán (Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antonio Losada Diéguez e Florentino López Cuevillas) e máis o intelectual, artista e político rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Nos anos seguintes a revista verá chegar novos autores.

Baixo a denominación de Xeración Nós ou Grupo Nós inclúense polo tanto os autores vencellados á devandita revista. Teñen en común ter sido dinamizadores activos da cultura e a lingua galegas, amais de estaren moi involucrados no eido político do seu tempo, ligados principalmente ao Partido Galeguista, que contribúen a crear.