Fundamar achega o primeiro estudo sobre riscos laborais en buques dende un enfoque de xénero

A organización Fundamar, co apoio da Xunta, brindou unha investigación pioneira (a nivel galego, estatal e internacional) sobre as medidas de seguridade laboral que se deben pór en marcha nos buques pesqueiros atendendo a unha realidade incontestábel que se impón: a progresiva incorporación das mulleres ás tripulacións, ben como membros do equipo de traballo, ben como persoal alleo.

O primeiro Estudo integral con enfoque de xénero, na prevención de riscos laborais e necesidades preventivas nos buques pesqueiros achéganos unha análise pormenorizada de todos os riscos, “tanto ergonómicos, como psicosociais, físicos e hixiénicos”, que implica a devandita incorporación. O seu obxectivo principal é “axudar á integración da perspectiva de xénero na xestión da prevención de riscos a bordo”.

Como dixemos, a investigación vén a cubrir un baleiro importante, xa que, segundo lembran dende Fundamar, as únicas medidas preventivas existentes relativas á incorporación laboral da muller refírense á capacidade reprodutiva ou ao propio estado biolóxico do embarazo, “a pesar de que a través da Estrategia Española de Seguridad y Salud en el Trabajo 2014-2020, e a Estratexia Galega 2017-2020, recóllese a importancia de promover un enfoque de xénero, acorde á crecente presenza feminina na vida laboral”, explica a entidade, lembrando que no caso do sector pesqueiro “os traballos sobre riscos laborais nos buques de pesca van orientados sempre, ou principalmente, ao xénero masculino, predominante nestes centros de traballo”.

Fundamar fai saber, a respecto das bases da investigación, que durante 2020 identificáronse, analizáronse e detectáronse os riscos laborais nos buques de pesca, así como as necesidades preventivas, tendo en conta os efectos sobre a seguridade e saúde das mulleres, dando como resultado o primeiro estudo de detección de necesidades preventivas con enfoque de xénero nos buques pesqueiros.

Tras esta primeira análise, e xa nunha segunda fase, a partir das necesidades detectadas, determinarase unha serie de medidas e recomendacións preventivas que sexan efectivas na contorna laboral, coa finalidade de eliminar factores de desigualdade que fan máis vulnerábel ao colectivo feminino e que permitan avanzar cara a avaliacións de riscos cada vez máis individualizadas e adaptadas ao posto de traballo e á persoa que o desempeña.