Os servizos de emerxencias tiveron que intervir para axudar ao ocupante dun vehículo que se saíu da vía e caeu a unha leira en Lousame. Era un condutor dun todoterreo con remolque que resultou ferido grave tras saírse da vía este venres na AC-308 ao seu paso por Vilacoba, no municipio de Lousame.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, o accidente produciuse pouco antes das catro da tarde na estrada vella de Noia a Padrón, onde aterrou o equipo médico a bordo de helicóptero de Santiago para atender ao ferido.
Para facilitar a atención do afectado, os Bombeiros de Boiro sacaron á persoa do interior do vehículo e o levaron ata onde agardaban os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pois había certo desnivel entre a leira e a estrada. Así, aínda que estaba liberado, necesitou da axuda dos efectivos de salvamento e rescate para poder recibir a asistencia médica necesaria de acordo coas lesións producidas polo impacto.
Cómpre sinalar que o operativo para atender ao accidentado activouse tras a chamada dunha persoas particular ao 112 Galicia para informar de canto acontecía. Deste xeito, ademais dos bombeiros e dos sanitarios, o persoal do 112 Galicia avisou aos axentes da Garda Civil de Tráfico, así como aos membros do GES de Brión e voluntarios de Protección Civil.