
Debido a actual situación sanitaria (e máis concretamente á aplicación da orde a Consellería de Sanidade do 21 de novembro de 2020 publicada no DOG 212 Bis, que estará vixente durante 14 días contados a partir da medianoite pasada), o Concello de Ribeira, a través da Concellería de Cultura, vén de facer unha serie de modificacións de datas ou de aforos na axenda de actividades programada para estes días. Isto afectará á Mostra de Teatro de Ribeira, cuxas funcións do 23 de outubro e do 30 de outubro (Sós de Malasombra e A primeira vez de Talía) fican adiadas até o domingo 6 de decembro e o domingo de 15 novembro, respectivamente. As dúas obras representaranse a partir das 19.00 horas.
O Concello explicou que os bonos de teatro son os que dan dereito a asistir a estes dous espectáculos que quedan dentro do calendario da mostra coa súa celebración en domingo, non alterándose de momento o resto da programación deste ciclo. Amais, explica a área de Cultura, “estase a estudar a posibilidade dunha redución de aforo, o que suporía a devolución do importe proporcional do custo dos bonos afectados, que ben poderían ser por renuncia voluntaria ata o máximo establecido no seu momento e por orde de solicitude ou por sorteo público, pero neste momento e ata novo aviso non hai nada decidido ao respecto”.
Polo que respecta á presentación do libro 50 años de mentiras (Emilio Vázquez), prevista para este venres 23, celebrarase no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira ás 20 horas con entrada gratuíta ata cubrir aforo máximo de 30 persoas, por orde de chegada. Organiza o autor coa colaboración do Concello de Ribeira.
No que atinxe á función de monicreques Os tesouros do Camiño, de Títeres Cascanueces e organizada pola Concellería de Cultura na Casa da Cultura de Carreira o vindeiro sábado 24 de outubro, ás 18 horas, mantense cun aforo máximo de 40 persoas, sentadas, en agrupamentos dun máximo de dous e mantendo a distancia de seguridade con uso obrigatorio de máscara, por orde de chegada, para público infantil e familiar con entrada gratuíta.
Por último, os grupos de teatro e a Coral Polifónica Municipal de Ribeira manterán os seus ensaios en grupos de 4 persoas máis o docente en distintos horarios ao longo dos 14 días de duración das medidas que contempla a citada orde.