
A Corporación do Concello da Pobra do Caramiñal acordou en pleno sacar adiante o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), o programa local para impulsar o aproveitamento de recursos máis limpos e respectuosos co medio e materializar medidas que contribúan a reducir a pegada ambiental. O PACES pobrense subirase á Oficina do Pacto das Alcaldías da Unión Europea e entrará en vigor unha vez que este organismo lle dea luz verde.
Trátase dun compromiso derivado da incorporación do Concello da Pobra do Caramiñal ao Pacto das Alcaldías, tratado que recolle por primeira vez compromisos concretos para as administracións locais. A adhesión aprobouse na sesión plenaria do día 28 de febreiro de 2019, así como cumprir cos obxectivos marcados.
Máis polo miúdo, o citado Plan consiste nun documento clave dentro do Pacto das Alcaldías a través do cal o Concello expón como acadará o compromiso asumido de lograr en 2030 unha redución do 40% das emisións do CO2 (e outros gases de efecto invernadoiro) no prazo de 10 anos. Para lograr o reto, expóñense 24 medidas de mitigación, centradas en actuacións que afectan principalmente os edificios e instalacións municipais e o alumado público, así como os edificios residenciais e o transporte; ademais doutras medidas transversais enfocadas na organización municipal, compra verde e concienciación e sensibilización. Búscase así a implicación da cidadanía e das administracións públicas para loitar contra o cambio climático con disposicións pensadas, cuantificadas e reais.
Cómpre lembrar que, entre os parámetros por ter en conta para a elaboración do citado documento, figuran os riscos climáticos con probabilidade de que se produzan e o impacto que terían, os sectores máis vulnerábeis, a capacidade de adaptación e os grupos máis febles de poboación. Os datos reflectíronse tendo en conta diversos informes técnicos.
A principios deste mes de setembro ultimouse o referido Plan, con tódalas accións de mitigación e adaptación xa definidas, ademais de se presentar uns orzamentos moi estimativos cos cales financiar as intervencións programadas.