A asociación empresarial das nosas industrias conserveiras e conxeladoras, ANFACO-CECOPESCA, consolidou a súa alianza con Emanasa, firma viguesa de electromecánica naval e industrial, no camiño de situarse na vangarda tecnolóxica, innovadora e intelixente da industria alimentaria. Fixérono a través da unidade mixta de investigación FFF4P (Future Food Factory), que supón o reforzo estratéxico da colaboración previa entre as dúas entidades comezada en 2016 e centrada no eido da automatización industrial. O obxectivo de FFF4P, máis polo miúdo, é “establecer unha alianza sólida que potencie novas solucións competitivas de enxeñaría alimentaria, servindo como subministradora de novos avances tecnolóxicos para unha fábrica do futuro feita en Galicia”.
Subvencionada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), mediante o Programa Consolidación de Unidades Mixtas de Investigación 2020, a unidade mixta FFF4P centrarase no desenvolvemento de avances pioneiros en sistemas hiperespectrais. A unidade está co-financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, para promover o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e unha investigación de calidade. Para alcanzar este obxectivo, o investimento global desta nova colaboración é de 1.833.573 euros.
Nunha primeira etapa da unidade mixta buscáronse ferramentas que axilizasen a produción na cadea alimentaria, tanto en termos de seguridade alimentaria, como de calidade, nutricional ou de proceso, de tal forma que achegasen resultados rápidos, obxectivos e fiábeis. Segundo informan dende ANFACO, dentro do mundo da conserva de túnidos, a tecnoloxía hiperespectral (ou visión química) resultou ser “moi útil para a determinación de porcentaxes de sal, graxa e humidade, con potencial de implantación en liña, e en tempo real”.
O éxito deste primeiro prototipo para túnidos desenvolvido nos primeiros catro anos de traballo conxunto é o que deu pé a que se siga investigando nesta liña. A razón desta nova andaina? Porque, engade ANFACO, “é unha tecnoloxía incipiente e con enorme potencial pero que está inmatura, sobre todo desde un punto de vista industrial”.
Esta continuación de FFF4P, estrutúrase en 3 grandes liñas de traballo:
· A primeira, Industrialización da Tecnoloxía HSI (HyperSpectral Imaging), artéllase co fin de mellorar o hardware dos sistemas HSI. Serán orquestrados avances en iluminación, índices de protección, velocidade de procesado e clonación de modelos matemáticos de predición.
· A segunda etapa, Servizos Cloud para HSI & Automatización de Modelos, busca crear unha infraestrutura 4.0 que permita rodar un sistema de re-calibrado automático de modelos de predición.
· A terceira liña, Probas de Viabilidade e Modelado Integral, basearase nun estudo de novas matrices, especialmente do sector agro-marítimo-alimentario galego, nas que se augura unha ampla e futura implantación. Profundarase co desenvolvemento de modelos matemáticos integrais de determinación de parámetros crave das matrices alimentarias que se definan como máis relevantes e xeren maior impacto nas fábricas do futuro galegas.
O vindeiro mércores 4 de novembro, celebrarase a xornada Consolidación da Fábrica do Futuro na que se mostrará en detalle o potencial da tecnoloxía HSI, e presentaranse o novos obxectivos desta unidade mixta. Ademais, tamén se presentarán diversas solucións específicas de enxeñaría e tecnoloxías habilitadoras que achegan valor engadido á industria alimentaria e teñen un impacto positivo sobre a competitividade das empresas. Para iso contarase coa participación de Xoia Extending Reality, Umana Biomecánic e Megasistemas. Toda a información sobre o programa completo da xornada, que se celebrará vía Webex e cuxo acceso será gratuíto previa inscrición, está dispoñíbel no blog de ANFACO-CECOPESCA.