A asociación Francisco Lorenzo Mariño, quere conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2020 dedicado a Ricardo Carvalho Calero o vindeiro sábado 31 de outubro no Conservatorio de Aguiño ás 18:00 horas, xa que esta foi a data escollida pola Real Academia Galega para a conmemoración ao coincidir co 110 Aniversario do nacemento do escritor e tras ser adiado o día das letras 17 de maio por mor do Estado de Alarma.
A celebración, que será máis sinxela que outros anos, consistirá nun espectáculo musical a cargo do cantautor galego Pablo Díaz, cos seu último traballo titulado “COAS MIÑAS MANS” dedicado ao público infantil. Aplicaranse todas as medidas do protocolo fronte ao covid19 incluídas as recollidas no día de onte na Orde da Consellería de Sanidade e publicadas no DOG 212 Bis referente ao aforo máximo, polo que neste caso e para esta celebración se determina en 60 persoas sentadas, separadas por convivintes previa confirmación de butaca tras solicitude no noso correo: aflm.aguinho@gmail.com ata data máxima o venres 30 de outubro de 2020
ás 14 horas. Todos os nenos e nenas que ese día leven un debuxo alusivo ao Día Letras Galegas deste ano recibirán como agasallo un estoxo para máscara, de cor branco serigrafiado en azul cun debuxo alusivo a este día, ao autor homenaxeado e á celebración da asociación. Os debuxos serán publicados posteriormente no perfil de Facebook da nosa entidade.
Do mesmo xeito, todos os nenos e nenas participantes na actividade que a
asociación organizou durante o confinamento (de marzo a xuño) e cun total de 49 persoas, baixo o lema #Euquedonacasa que consistía na elaboración dun debuxo ou pancarta con esta mensaxe e que foron colgados no perfil de Facebook, recibirán tamén o mesmo estoxo que poderán recoller no lugar do acto media hora antes de comezar ou posteriormente en Aguiño, rúa Mestre Xosé Sans, 21 ou mandando un correo a aflm.aguinho@gmail.com Agardamos distribuír un cento de unidades deste agasallo conmemorativo pola participación activa dos noso cativos nas distintas actividades organizadas pola nosa entidade.
Deste xeito queremos festexar esta efeméride tan salientable para a cultura galega, a celebración das nosas letras, do noso idioma e a posta en valor da creación cultural feita en Galicia co espectáculo de Pablo Diaz. Dadas as circunstancias non podemos celebrar un gran evento, como levamos facendo dende o ano 2006, con xogos populares, inchables, lambetadas e xornada de debuxo amais de espectáculo, pero si doutra maneira podemos organizar un acto que non pase desapercibido para que unha vez máis o DÍA DAS NOSAS LETRAS teña lugar en Aguiño.
Para esta actividade contamos coa colaboración da Concellería de Cultura de Ribeira e da Deputación da Coruña. Dende a asociación animamos a participar na actividade e agradecemos a comprensión nos límites establecidos polo protocolo fronte ao covid19 pero seguiremos apostando por crear CULTURA. #CulturaSegura.
Sinopse do espectáculo “Coas miñas mans” de Pablo Díaz
O artista leva xa 5 traballos discográficos dedicados ao público infantil.
Nesta andaina percatouse da importancia que para as nenas e nenos
ten toda a xestualización manual e facial, e por este motivo, partindo das
mans como estratexia comunicativa, xorde este traballo.
Empregamos as mans para comunicarnos, para escribir, debuxar, pintar,
contar, sentir, etc. É a partir dos 3 anos cando dun xeito máis ou menos
consciente, as cativas e cativos empezan a adquirir este tipo de destrezas e
habilidades.
A duración do concerto é de 55 minutos aproximadamente co
obxectivo de que as familias gocen e axudan a cantar e xesticular; tratase
dun espectáculo infantil e familiar en lingua galega.