A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro na costa da provincia da Coruña.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro dará comezo desde as primeiras horas da tarde de mañá luns no oeste e no suroeste do litoral coruñés por ventos do sur de forza 8. Ademais, desde a mañá do mesmo día, a alerta xa será amarela no litoral de Pontevedra e no noroeste da Coruña. Tamén o nivel de alerta será amarelo no oeste e suroeste da Coruña, na montaña de Ourense, nas Rías Baixas e no interior de Pontevedra por refachos de vento de ata 90 km/h.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.