A operadora Telefónica, ao abeiro dos programas PEBANG (2018 e 2019) de extensión da banda larga de nova xeración do Ministerio de Industria está a despregar nova rede de fibra (tecnoloxía FTTH, fibra até o fogar) nos núcleos de poboación do termo municipal de Rianxo. En concreto, trátase de 36 núcleos de poboación.
A tecnoloxía achegada por Telefónica pon a disposición dos fogares e das empresas as vantaxes da fibra óptica avanzada, entre as que se atopa voz con alta calidade nas chamadas, máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos (malia que se conecten de xeito simultáneo), calidade óptima nos xogos en redes e TV de alta definición, entre outras. En total, estamos a falar de preto de 1.500 inmóbeis cubertos.
Os lugares que cobren os traballos de Telefónica ao abeiro de PEBANG son os seguintes, incluíndose o número de vivendas beneficiadas: A Vacariza (75 vivendas), Os Xens (6), Asadelos (61), Bures (91), Monte Grande (88), Brión (122), As Cortes (82), O Pazo (87), A Cruz (6), Ourolo (21), O Regueiro (6), Ermida (29), Foxacos (26), Os Lemos (44), Outeiro (61), Pousada (28), Rabado (28), Vilar (14), O Batán (15), A Casilla (10), Contrés (50), A Mámoa (9), Isorna (44), Sestelo (48), Meiquiz (21), Rañó (74), Palleiro (16), A Barraca (48), Tronco (5), Corques (14), Ourille (62), Paradela (38), Senra (38), Campo da Feira (5), A Coviña (109) e As Pedriñas (6).
Caixas CTO
Segundo informa o Concello acerca destes traballos e as infraestruturas que os acompañan, as instalacións realizadas rematan nas caixas CTO (Caixa Terminal Óptica), que se poden observar á intemperie nas fachadas dos edificios ou en postes. Delas parten cada unha das conexións de fibra óptica que abastecen as vivendas individuais, cunha lonxitude máxima do cable de arredor de 200 m, se ben en ocasións excepcionais poden acadar ata os 400 m. “O feito de termos unha destas caixas preto da nosa vivenda é un indicador de que podemos optar a gozar dunha conexión de fibra óptica”, explica o Concello de Rianxo, engadindo que antes de contar co acceso ás comunicacións máis avanzadas “cómpre ter en conta diversos factores”. Por exemplo: os permisos dos propietarios dos inmóbeis adxacentes para instalar o cable polas fachadas das vivendas, a instalación de postes adicionais, ou o feito de que a vivenda apareza cun enderezo ou cunha numeración diferente na base de datos da compañía instaladora. 6