A Deputación da Coruña e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), con sede no Castelo de Santa Cruz (Oleiros) impulsan o ambicioso programa de actividades de formación e divulgación ambiental “Para unha transición ecolóxica” que inclúe numerosas accións dirixidas a diversos sectores da cidadanía.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o director do CEIDA, Carlos Vales, e o deputado responsable da área de Emprego e Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo, asinaron hoxe o convenio, que contempla unha achega económica de 150.000 euros por parte da institución provincial para a realización das actividades.
Visitas guiadas, charlas, obradoiros, talleres de capacitación, exposicións itinerantes ou un servizo de asesoramento ambiental para concellos son algunhas das accións que leva a cabo o CEIDA dentro deste proxecto, co que pretende educar, capacitar e divulgar as principais problemáticas ambientais ás que se enfronta a sociedade para poder darlles solución. Tamén busca poñer en valor o patrimonio natural e cultural da provincia.
Por unha banda, atópanse as destinadas ao alumnado dos centros educativos da provincia. A través deste programa, os escolares realizan visitas guiadas a diferentes espazos naturais, coas que se busca fomentar a conservación do patrimonio, especialmente do mariño, e da biodiversidade. Tamén se están a levar a cabo charlas e obradoiros centrados en temáticas como a emerxencia climática, a problemática do lixo mariño e a conservación dos nosos océanos, así como a riqueza dos espazos protexidos e as oportunidades que brindan para o desenvolvemento socioeconómico local. Así, póñense en valor nestes obradoiros e sensibilízase sobre o patrimonio natural dos parques naturais de Corrubedo, das Fragas do Eume e da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Tres importantes espazos naturais situados na contorna coruñesa.
Apoio aos concellos para desenvolver estratexias medioambientais
O programa tamén permite capacitar a técnicos municipais e políticos en materia de transición ecolóxica, co obxectivo de formar ao mundo local neste eido para desenvolver estratexias concretas que permitan protexer o medio e impulsar un desenvolvemento social e económico municipal baseado no respecto ao planeta.
Á súa vez, conta con 7 exposicións itinerantes, que buscan achegar a todos os recunchos da provincia máis información medioambiental para dar visibilidade e concienciar sobre os desafíos e retos na conservación da biodiversidade. As mostras tratan a problemática do lixo mariño, o cambio climático, a protección de ecosistemas mariños e costeiros ou o patrimonio marítimo de Galicia, entre outros.
Por último, a Deputación tamén pon a disposición de técnicos municipais o servizo de asesoramento e documentación ambiental do CEIDA. O centro, que traballa desde 2001 en programas de educación ambiental, conta co único fondo especializado en medio ambiente de toda Galicia, que abrangue documentación relacionada coa xestión ambiental municipal.
A Deputación e o CEIDA pretenden ofrecer a través destas actuacións unha ampla e variada proposta que permita concienciar aos diferentes axentes da cidadanía e construír unha sociedade civil que estea capacitada e sensibilizada sobre estes problemas para darlles solución.