A Deputación destinará ao Barbanza preto de 2 millóns de euros para axudar ás persoas autónomas e as microempresas

A Deputación da Coruña vai destinar 12,5 millóns de euros para apoiar as persoas autónomas e as microempresas afectadas pola COVID-19, favorecendo (entre outras cousas) a adquisición de novas ferramentas tecnolóxicas que impulsen e consoliden a súa dixitalización. A contía canalizarase a través do programa PEL-Reactiva, no que colaboran 88 dos 90 concellos de menos de 50.000 habitantes, que serán os encargados de xestionar as solicitudes. As axudas, que serán de entre 1.500 e 3.000 euros, foron dadas a coñecer os días pasados polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado responsábel da área de Emprego, José Ramón Rioboo.

Pola nosa comarca, todos os concellos confirmaron a súa participación directa na iniciativa.

No caso de Rianxo, o programa vén cun orzamento de 161.791 €, dividido do seguinte xeito: 129.433,49 € achegados pola entidade provincial e 32.358,37 € fornecidos polo Concello.

No caso de Boiro, o programa mobilizará 334.029,73 euros, dos cales 66.805,95 proveñen da Administración local.

No que atinxe a Lousame, o total será de 31.095,12 euros, dos que preto de 6.300 teñen a súa orixe no Concello.

No caso de Noia, estamos a falar dunha contía de 304.635,1 euros, dos que case 61.000 teñen orixe local.

No que respecta a Outes, prevese unha mobilización de máis de 97.000 euros, dos que preto de 20.000 serán fornecidos pola Administración local.

Na Pobra, as persoas autónomas e as microempresas disporán de 157.662,03 euros para seren distribuídos en axudas. Deles, 31,532 teñen procedencia no Concello.

No que atinxe a Porto do Son falaríamos de 140.899,82 euros, sendo 28.179,96 euros o achegado pola Administración local.

Polo que respecta a Ribeira, a contía total será de 463.268,88 euros, sendo 92.653,78 o aportado polo Concello.

O total, incluíndo Muros, Carnota e Mazaricos, será de 1.941.259,36 euros.

Un plan ambicioso

“Estamos ante o plan máis ambicioso presentado en Galicia para axudar aos autónomos a facer fronte ás consecuencias económicas orixinada pola COVID-19”, afirmou Valentín González Formoso, que quixo agradecer a “importante colaboración dos concello, xa que a Deputación achega o 80% do financiamento e son as administracións locais as que completaran os seus propios fondos co 20% restante”.

Pola súa banda, o vicepresidente, Xosé Regueira, incidiu tamén “na capacidade de adaptarnos á realidade, renunciando a algunhas apostas políticas que tiñamos proxectado para este ano”, pero “mantendo todas as liñas que supoñen creación de emprego e o nivel de investimentos nos concellos”.

Rioboo explicou que as axudas aos autónomos/as e microempresas tramitaranse a través dos concellos e que oscilarán entre os 1.500 euros para traballadores por conta propia sen traballadores ao seu cargo e os e os 3.000 euros aos que poden optar as empresas de entre 6 e 9 traballadores. As axudas serán compatíbeis con outras prestacións municipais.

Poderán acollerse ás axudas do PEL Reactiva os autónomos e microempresas que se viran afectadas polo peche durante o Estado de Alarma, así coma aquelas que viran reducida a súa facturación en máis dun 75% ou se acolleran a un ERTE.

Os gastos subvencionábeis serán a adquisición de material (elementos antisépticos ou desinfectantes, produtos hixiénicos e de limpeza), arrendamentos e canons (arrendamentos de maquinaria, vehículos, locais ou instalacións), reparacións e conservacións, primas de seguros e subministracións (auga, gas, combustíbeis, electricidade).