
Ribeira leva anos buscando fórmulas para acadar unha meirande sustentabilidade, e as medidas para calmar o tráfico e renovar luminarias, entre outras, forman parte desta estratexia global. Neste camiño, o Concello deu a coñecer este 9 de setembro detalles dun plan de acción local para o clima e a enerxía sustentábel.
Este programa ten un dos seus principais precedentes na adhesión de Ribeira, decidida pola Corporación municipal, ao Pacto dos Alcaldes polo Cambio Climático. Esta integración no Pacto (unha alianza europea para reducir emisións contaminantes) foi formalizada o 28 de xaneiro de 2019.

Agora, o Concello dá un novo paso coa elaboración do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACE), é dicir, a folla de ruta que vai marcar o camiño cara á consecución destes obxectivos.
O plan, que será redactado pola empresa especializada ICEACSA Consultores, S.L., incluirá entre outras as seguintes tarefas:
• A cuantificación das emisións no territorio a través dun inventario de emisións de referencia (IER).
• A avaliación de riscos e vulnerabilidades climáticas (ARVC): unha análise que determine a natureza e alcance do risco ao que está sometido Ribeira mediante a análise dos perigos potenciais e a avaliación das vulnerabilidades que poden poñer en risco ás persoas, propiedades, sustento ou ao medio ambiente do que dependen.
• Plan de Acción de Mitigación: recollerá unha proposta de medidas para chegar a cumprir os obxectivos en eficiencia enerxética, enerxías renovábeis, mobilidade sustentábel, concienciación… Indicaranse prazos, responsabilidades, investimentos estimados, medidas de financiamento, indicadores e cálculo dos impactos.
• Plan de Adaptación: dentro deste plan proporanse unha serie de medidas de adaptación, coa fin de reducir os impactos negativos a un nivel aceptábel ou evitar que incrementen cos anos.