Ribeira celebra a patroa cun feixe de eventos de balde e con estritos protocolos anti-COVID

A gaiteira Susana Seivane estará participará nos festexos de setembro en Ribeira

Nun ano normal, Ribeira acollería esta semana múltiples actividades para celebrar a súa patroa, Santa Uxía, o 12 de setembro. Con todo, o Concello fixo un esforzo especial para manter acesa a chama da celebración, achegando unha decena de eventos en formatos medios e pequenos e baixo estritos protocolos de seguridade sanitaria. A axenda, marcada pola musica e os contacontos, comeza o venres 11 de setembro ás 19 horas coa actuación de Fran Rei na praza da Porta do Sol co seu novo espectáculo Superheroe, dirixido a público infantil e familiar.

Ás 21 horas celebrarase un novo concerto da programación das Rúas Musicais: nesta ocasión será a banda local Espazo en branco a que toque na praza de Vigo.

Tamén ás 21 horas haberá unha ruada de musica tradicional protagonizada polo Grupo Tahume, con saída do parque García Bayón e desfile polas rúas e prazas da urbe ata rematar no Museo Municipal ás 22.15: hora na que dende o balcón deste edificio actuará a coñecida gaiteira Susana Seivane.

Misa ao aire libre

Polo que respecta ao sábado 12 de setembro, Día de Santa Uxía, a partir das 11 horas está prevista unha ruada de música tradicional a cargo da banda de gaitas Os Castros de Ames, con saída do parque García Bayón, rúa de Galicia, Malecón, Rosalía de Castro e rúa Santa Uxía para rematar na Porta do Sol. Ás 12 do mediodía, oficiarase unha misa solemne na honra da patroa no adro da igrexa e a praza da Porta do Son que estará cantada polo Coro Parroquial.

Ás 13 horas haberá na praza de Compostela un novo concerto das Rúas Musicais que correrá a cargo de Blow. Ás 19 horas, a Porta do Sol dará cabida á unha actuación infantil e familiar cos Contos de Pablísimo. E xa para rematar a xornada, ás 21.30 horas na Porta do Sol actuará o grupo Gallaecia Small Band con Paty Lesta.

O domingo 13 de setembro desenvolverase ás 13 horas un concerto de Thais Suki na rúa Santa Uxía para pechar as Rúas Musicais.

Segundo recalcou o Concello, todos os eventos serán de balde e cumprirán os protocolos anti-COVID.