Tiñan un poder absoluto e uns privilexios adquiridos, grazas á simpatía e o beneplácito dos nosos responsables públicos, sobre execucións hipotecarias, embargo de bens ou cobranza a morosos. Eran os “amos e señores” do país. A pesar de todo iso, dedicábanse a acosar, perseguir e desacreditar publicamente a moitas familias e cidadáns que lles debían varias cotas dos créditos, por unha clara imposibilidade real, de maneira involuntaria, de poder facer fronte ás mesmas.
Quen, no seu san xuízo, se ten diñeiro deixa de facer fronte ás súas obrigacións financeiras e crediticias?, evidentemente se deixamos de lado a algunhas grandes empresas ou multinacionais. A realidade é que cando as cousas van mal e a economía familiar reséntese é cando se reducen gastos e establécense prioridades, antes de nada é o poder comer, vestir, pagar o colexio, coidar da saúde e se non alcanza para chegar a fin de mes déixase de pagar o aluguer ou a hipoteca da vivenda habitual.
Ata non hai moito tempo, algúns empregados de banca, acudían aos
domicilios particulares ou centros de traballo e mesmo a familiares e
veciños dos debedores hipotecarios para “aconsellarlles” ao pago das súas
cotas, por consello dos seus superiores máis inmediatos. A pesar de ser
conscientes da súa prepotencia, a usura, as cláusulas abusivas e a indefensión que lles creaban aos humildes cidadáns, algúns dos
cales caían en habituais ansiedades e en profundas depresións e con intentos de quitarse a vida #ante estas situacións tan incómodas,
inxustas e inhumanas.
Actualmente as cousas melloraron. Estas persoas e as súas familias
humildes xa non se avergoñan, únense e loitan polos seus dereitos e
contra o poder da banca na que depositaran a súa confianza e que non lles tremeu a man para desaloxalos da súa única vivenda, a pesar do Código de Boas Prácticas Bancarias, ou ben enganalos con produtos tóxicos nos que investiron todos ou unha parte importante os seus aforros. Oxalá non volvamos caer nos mesmos erros e sigamos consentindo estas inxustizas unha vez está a achegarse unha nova crise social e económica para millóns de familias.