
A entidade bancaria Abanca renovou o seu convenio coa Asociación Rianxeira de Empresarios, co fin de contribuír a cubrir as necesidades de crédito do tecido produtivo da localidade e o seu ámbito de influencia. A reedición da colaboración entre a entidade a patronal rianxeira foi formalizada polo presidente da asociación, Luis Duro, e o director da oficina de Abanca en Rianxo, Juan Videla.
Grazas a este acordo o banco pon a disposición das empresas e comercios de Rianxo un plan de financiamento que, en palabras das dúas entidades, “responde de maneira integral ás súas necesidades”.
O documento, engadiron, inclúe recursos e servizos que permiten tanto acometer investimentos, como reforzar a competitividade destes proxectos, achegando aos empresarios “produtos especificamente deseñados”, entre os que destacan préstamos persoais e hipotecarios ou leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros moi competitivos.
Amais, explicaron, colectivo terá á súa disposición outros produtos e servizos como pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, avais, corfirming ou factoring segundo as súas necesidades, ao que cómpre engadir liñas de comercio exterior e financiamento oficial a través de diversos programas do ICO e as SGR galegas.
Do mesmo xeito, os empresarios asociados de Rianxo poderán desfrutar das vantaxes do Programa Cero Comisións de Abanca, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingreso de cheques ou outros servizos habituais.