
O Concello de Boiro informou da realización de melloras en camiños de titularidade municipal de acceso a parcelas agrícolas, en concreto nos vieiros da parroquia de Bealo que unen os núcleos de Hermide a Candosa, de Bealo a Igrexa e de A Galea a Insuachán. As obras de acondicionamento, que inclúen un orzamento total de 41.095,44 euros, realizáronse gracias a unha das liñas de axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Os traballos tiveron como obxectivo mellorar o firme de camiños rurais, como forma de optimizar a cohesión social e territorial, mellorar a vertebración do territorio e impulsar as condicións de vida e traballo no medio rural. As actuacións puxeron o foco en vieiros rurais que se atopaban “nun estado deficiente”, dificultando a accesibilidade e a interrelación entre pequenos núcleos, amais do tránsito de vehículos agrarios en xeral.
A primeira das actuacións realizouse no camiño que vai de Hermide a Candosa de 510 metros lineais no que se empregou xabre compactado (zahorra). Outro dos camiños nos que se actuou foi o de Bealo a Igrexa, de 470 metros lineais e a terceira das actuacións, a máis grande nun camiño entre A Galega e Insuachán de 1.100 metros lineais. Para estas dúas actuacións empregouse pavimento asfáltico para garantir a súa durabilidade.