O Concello da Pobra despregará un completo dispositivo para garantir a seguridade nas festas do Nazareno

15 Setembro 2020

Esta fin de semana (a que vai do 18 ao 21 de setembro) A Pobra do Caramiñal segue a ser, malia a adversidade da COVID, a gran protagonista do panorama galego de festividades de verán. De feito, celébrase un dos grandes acontecementos do calendario da nosa terra: a celebración do Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico Galego en 2000. Iso si, que ninguén agarde un programa de actividades ao uso. Primarán as actividades controladas que garantan ao máximo o distanciamento e maila seguridade. A cuestión dos protocolos centrou precisamente a cita cos medios de comunicación celebrada este martes no Consistorio, na que se deu conta do “completo dispositivo de medidas para garantir a seguridade e a saúde pública entre o 18 e o 21 de setembro”.

Os detalles do dispositivo foron dados a coñecer polo alcalde Xosé Lois Piñeiro, a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos, o seu homólogo da Seguridade, José Andrés Lojo, e o presidente da comisión do Nazareno, José García.

O rexedor fixo fincapé en que “a única finalidade de todo o dispositivo e da loxística é garantir a seguridade das persoas e limitar o risco de contaxio que poida existir nunha data coma a do domingo 20”, salientando que “para nada a nosa pretensión é facer unha promoción das festas, senón que do que tratamos é de previr o que poida pasar ese día”. Así mesmo, aproveitou a ocasión para facer un chamamento á veciñanza a prol “da máxima responsabilidade” e “un cumprimento estrito das medidas de protección”.

Pola súa banda, a edil Estefanía Ramos detallou todo o mecanismo artellado de cara á celebración dos oficios, dos cales tres terán lugar na praza Alcalde Segundo Durán (ás 10.00, 11.30 e 13.15 horas). Segundo fixo saber, efectuaranse varias desinfeccións do espazo e, para tal ocasión, montarase o palco para o uso do párroco e a cabida estipúlase en 500 persoas, dispoñendo de cadeiras coa distancia de seguridade de 1’5 metros. Ademais, o escenario e 200 asentos estarán cubertos por un toldo de 800 metros cadrados. Asemade, habilitaranse baños portátiles, cuxa limpeza realizarase de xeito frecuente atendendo as medidas sanitarias implantadas por mor da COVID-19.

No que respecta ao acceso á praza, será mediante unha entrada con código QR. Estes tíckets distribuiranse a través do enderezo electrónico nazarenoentradas2020@gmail.com e tamén haberá unha persoa voluntaria da Protección Civil, quen as repartirá á saída da novena na igrexa de Santiago do Deán. Na cita cos medios deste martes fíxose fincapé en que será preciso, para a obtención dos pases, facilitar nome, apelidos e número de teléfono, ademais de especificar a que misa se asistirá das que se desenvolverán no exterior. O obxectivo é “non superar o límite e ter un rexistro de quen está en todo momento no lugar”, explicaron o alcalde e os concelleiros, que puxeron o foco na posibilidade de asistir á misa das 13.15 horas, en directo a través do Canal Barbanza e en streaming pola canle de Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal, “ofrecendo outra alternativa á presenza en persoa”.

Pola súa parte, o concelleiro José Andrés Lojo debullou nos seus detalles o dispositivo que se despregará para garantir a seguridade e saúde pública. Segundo explicou, contarase con efectivos de seguridade privada para controlar o acceso e distribución dentro da praza Alcalde Segundo Durán; cos membros dispoñíbeis da Policía Local, que se centrarán no uso da máscara e outras medidas esixidas pola situación da COVID-19; e con Protección Civil da Pobra, así como doutros municipios para reforzar as súas funcións, que van montar un hospital de campaña na entrada da praza por se resulta preciso o seu uso. Da mesma maneira, haberá unha ambulancia de soporte vital avanzado con persoal médico e outra de soporte vital básico, as cales estarán para cubrir as necesidades sanitarias do evento. Asemade, solicitouse a presenza da Garda Civil para apoio.

O presidente da comisión do Nazareno, José García, indicou que están apoiando tódolos eventos da Igrexa en colaboración co Concello. En canto aos oficios que se celebrarán no propio templo (08.00, 09.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas), explicou que a cabida está limitada a 120 persoas e que haberá a máxima seguridade. Entre misa e misa, unha empresa externa procederá á desinfección completa do espazo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“No cárcere” – Xulio Xiz

“No cárcere” – Xulio Xiz

Como membro dunha sociedade democrática, con poderes básicos, forzas executoras, leis que marcan reglas de xogo, presunta igualdade de oportunidades e plena integración en Europa, calquera de nós corre perigo de pechar os ollos e coidar que vive nun mundo camiño da...