O Concello da Pobra aposta por blindar a seguridade no Nazareno

16 Setembro 2020

Xa vai quedando menos para a festividade do Nazareno da Pobra do Caramiñal, que comeza este venres 18 (e mantense até o luns 21) cun programa de que deixo inevitábel vén marcado polas delicadas circunstancias sanitarias que estamos a vivir e pola posta en práctica, por parte do Concello, de múltiples e variadas disposicións para manter o control e evitar aglomeracións. Os detalles do programa e dos protocolos que acompañan as actividades foron debullados este mércores polo alcalde Xosé Lois Piñeiro, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo e a súa homóloga do Turismo e Dinamización Económica, Charo Varela. Segundo salientaron, disporanse cadeiras en todos os eventos (co fin de controlar a cabida) e procederase á desinfección dos espazos e mobiliario cando conclúa cada un.

O mandatario local manifestou que as actividades desenvolveranse “baixo unhas condicións de seguridade estritas”, polo que será de obriga o cumprimento das medidas fronte ao coronavirus ao tempo que se controlará e vixiará que así sexa. Nesta liña, apuntou que “as actividades controladas son as que non dan problemas e as que mellor resultan”, razón polas que se propoñen para esta fin de semana.

Na súa intervención, a edil Patricia Lojo expresou que “resulta necesario defender o mundo artístico devolvéndolle todo o que achegou ata agora”, constituíndo esta, dixo, a maneira de defender a cultura porque “apoiala é apoiar a riqueza e unha parte da economía”.

Broken Peach abre o programa

A axenda comeza este venres 18 coa actuación de Broken Peach no Cantón da Leña, con dúas sesións: a primeira ás 21.00 horas e, a segunda, ás 22.45 horas. Trátase dun grupo que fusiona música e espectáculo, interpretando varios estilos.

Na xornada do sábado 19, será a quenda de Millo Miúdo (gañador do certame Interritmos Sons no Rural organizado pola asociación de desenvolvemento local DELOA), ás 13.30 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán, e, a partir das 20.30 horas, toca ruada de música e baile tradicional con Arrancadeira (da Covecha aos Xardíns), Os Caraveiros (do paseo dos Areos ao Cantón da Leña) e Trécola (da rúa da Feira á praza de Maura).

E o grupo Puzzle, a través do Servizo de Normalización Lingüística municipal e mais da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta (á cal o Concello da Pobra do Caramiñal pertence dende 2019), ofrecerá un repertorio musical festivo en galego no Cantón da Leña, ás 21.30 horas.

Xa no domingo 20, celebraranse misas na igrexa de Santiago do Deán (08.00, 09.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas), coa cabida limitada a 120 persoas, e tres oficios na praza Alcalde Segundo Durán (ás 10.00, 11.30 e 13.15 horas). No que respecta ao acceso á praza, será mediante unha entrada con código QR. Estes tíckets distribuiranse a través do enderezo electrónico nazarenoentradas2020@gmail.com e tamén haberá unha persoa voluntaria da Protección Civil, quen as repartirá á saída da novena no propio templo. Será preciso facilitar o nome, os apelidos e o número de teléfono, ademais de especificar a que misa se asistirá das que se desenvolverán no exterior. O obxectivo, segundo apuntou o equipo de Goberno local, é “non superar límite e ter un rexistro de quen está en todo momento no lugar”.

Malia todo o devandito, retransmitirase en directo o oficio das 13.15 horas a través do Canal Barbanza e en streaming pola canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal, ofrecendo outra alternativa á presenza en persoa. O toque musical da xornada virá da man de Setestrelo, na praza Alcalde Segundo Durán, ás 20.00 horas, co espectáculo O Camiño, enmarcado no programa Cultura no Camiño da Xunta, e que presentará un percorrido polas diversas rutas galegas que conducen a Santiago.

Finalmente, o luns 21, festivo local, haberá alboradas no rural, concretamente nas parroquias do Xobre, de Santa Cruz e Santo Isidro, a partir das 10.00 horas con Arrancadeira, Os Caraveiros e Trécola. E Circanelo traerá o seu espectáculo infantil ao Cantón da Leña, ás 18.30 horas. A dita acción tamén se adscribe ao programa Cultura no Camiño da Xunta.

A concelleira Charo Varela explicou que, baseándose na implicación do Concello co sector comercial e hostaleiro, proxectouse para ese mesmo luns 21, en horario de mañá e tarde, a actividade Cociñando nas prazas con Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro), consistente nun showcooking e o posterior reparto de tapas polos establecementos hostaleiros. En total, distribuiranse 920 petiscos, elaborados con produto local, nas propias mesas das terrazas dos locais inscritos (unha vintena na contorna de diversos espazos: praza Victoriano García Martí, praza de Maura, paseo dos Areos, praza Paulino Santos Mieites e praza Valle-Inclán) para que a degustación sexa controlada. En caso de choiva, adiarase para outra ocasión.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...