Na Pobra continúan as obras de ampliación do refuxio para animais

Despois de que en 2018 finalizase a construción dun refuxio para animais abandonados, o Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría do Benestar Animal, emprendeu neste ano a ampliación do inmoble, situado no polígono da Tomada, para así dar unha mellor resposta aos abandonos que se producen.

Obras de ampliación do refuxio para animais na Pobra. cedida

Ata alí desprazáronse hoxe o alcalde Xosé Lois Piñeiro e a concelleira do
Benestar Animal, Estefanía Ramos, para ver de primeira man a evolución das obras. A ampliación comprende 186’45 metros cadrados, divididos en oficina, baño, espazo para animais que chegaron recentemente, área de corentena e patio exterior.
A dita actuación está sendo executada por Excavaciones Nima e comporta un investimento de 45.586’22 euros, enmarcándose nunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental, da Consellaría do Medio Rural da Xunta.
Así mesmo, está previsto que as obras rematen a finais deste mes e proxéctase nun futuro acondiciona-lo exterior e realizar un peche perimetral. O rexedor e a edil tamén expresaron o seu agradecemento á Protectora Moura e á Protección Civil polo seu labor.

Obras de ampliación do refuxio para animais na Pobra. cedida