O Concello de Lousame organiza o obradoiro Xogando coa música, dirixido a nenos e nenas do municipio maiores de 3 anos e que está previsto para este venres 18 de setembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura. O Goberno local sinala que a participación é de balde, se ben é preciso anotarse previamente na propia Casa da Cultura ou chamando ao 981 825 780.
A actividade Xogando coa música é un obradoiro de sesións de dinamización con música, teatro e danza dirixido por Esperanza Mara. Durante uns 45 minutos, a soprano e violonchelista noiesa compartirá coa rapazada de Lousame os sons do noso día a día, ao tempo que lles descubrirá as distintas familias de instrumentos musicais. A cita está recomendada especialmente para nenos e nenas entre os 3 e os 6 anos de idade, canda as súas familias.
Este é o segundo obradoiro que ofrece Esperanza Mara en Lousame, despois do éxito acadado o ano pasado con Expresarte: música + diversión, organizado pola Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), en colaboración con EmanArte e o Concello de Lousame.