En Aguiño rematada a senda peonil entre Punta do Laño e o peirao Fenicio

10 Setembro 2020
Punta do Laño. cedida

O Concello de Ribeira informa da finalización da intervención dirixida á implantación dunha senda peonil de 443 metros de longo e 2,5 de ancho entre Punta do Laño e o Peirao Fenicio —ambos emprazamentos situados na parroquia de Aguiño— que enlaza co camiño de 2.500 metros existente entre este último punto e Couso.
Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro da EDUSI Máis Riveira Atlántica 2020 que está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Adscríbese a liña de actuación deste plan denominada Posta en Valor do Patrimonio Cultural e Natural e Turístico dentro do Obxectivo Temático 6 (Conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos).
A empresa Bcnor Gestión y Soluciones Avanzadas, S.L.. foi a entidade encargada de realizar estes traballos, que implicaron un investimento de 53.738,23 euros, IVE incluído.
Enclave privilexiado
O obxectivo da actuación residiu en protexer o borde litoral nesta franxa ao tempo que se garante o libro acceso e uso público da costa e se potencia o seu emprego como zona de esparcemento e benestar da poboación como de feito están facendo moitos veciños e visitantes que se achegan a este privilexiado enclave.
Neste senso, a senda—que arranca en Transporto, na contorna do porto de Aguiño—permite recrearse na contemplación de notables elementos patrimoniais como é caso sobranceiro do Porto Fenicio (hai estudos que defenden que se trata de restos dun porto construído polos fenicios para facer escala nas súas viaxes comerciais entre os séculos XII e VIII antes de Cristo, mentres que outras investigacións apuntan a restos dunha fábrica de salgadura construída polos cataláns a mediados do século XIX) ou tamén os vestixios do antigo almacén de salgadura de A Covasa.

Preto do peirao Fenicio. cedida

Do mesmo xeito, pódense divisar excelentes vistas da costa atlántica, con illas como Vionta, Sagres e Sálvora.

O novo trazado adáptase ao camiño xa existente actuando no mesmo en dous tramos diferenciados.
O Goberno Municipal destacou a axuda dos fondos europeos FEDER para que esta intervención fose posible, contribuíndo a aumentar nun novo tramo o disfrute do litoral do municipio por parte da cidadanía.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión