A xeito de nova contribución ás correntes que desvinculan a arte de galerías e museos específicos, A Pobra convertese este sábado 5 de setembro nunha gran sala urbana expositiva, concretamente os seus Xardíns de Valle-Inclán, que acollen na dita xornada a quinta edición da experiencia colectiva Olladas na rúa. Na cita participarán 32 artistas (11 escultoras e escultores e 21 pintoras e pintores) procedentes do Barbanza, da Coruña e de Vigo. Ademais, realizarase un catálogo desta exposición, con introdución de Xoán Pastor Rodríguez, director do Museo de Gravado de Artes.
Estes e outros detalles sobre esta experiencia creativa, unha maneira de tirar abaixo barreiras entre público e arte, foron achegados na mañá deste 31 de agosto polo alcalde Xosé Lois Piñeiro, a edil da Cultura, Patricia Lojo, e a técnica desta área, Fita Sanisidro. En referencia a esta proposta, Lojo manifestou que “será unha ocasión única para podermos ter unha ampla visión do movemento artístico na nosa comarca”, ao tempo que puxo o foco na diversidade da proposta, na que se combinarán diferentes estilos, soportes, técnicas e materiais. Pola súa parte, o rexedor expresou o seu agradecemento ás persoas implicadas en faceren posíbel o evento colectivo, o cal “xa está consolidado”, dixo, facendo fincapé nos seus obxectivos: promover a cultura, a produción artística e “dar a coñecer e que sexa recoñecido socialmente o traballo que fai toda esta xente”.
No eido da escultura figuran Emilio Mariño, Jontxu Argibay, José Luis Bandín, Manuel Teira, Mónica Montero, Nuco Losada, Pepa Mariño, Platis, Ricardo Dávila, Sonagasallo e Che Tembra.
En canto á pintura, están presentes Alfonso Costa, Amparo Fuentes, Antía Brey, Antonio Pérez, Carmen Sampedro, Daniel Piñeiro Iglesias, Esther Molinero, Fran Gess, Gloria López Paz – Arte Guiglo, Guille de la Paz – Arte Guiglo, Javier Hermo, Julia Gema Fernández Pla, Manuel Ayaso, Manuel Rodríguez Varela, Mª Teresa González, Marian Briones, Paco Casal, Paola García Paz, Pastor Rodríguez, Teresa Argibay e Xerardo Crusat.