A Policía Local de Rianxo está a levar a cabo controis estáticos e móbiles nas estradas do termo municipal ao abeiro do operativo de servizos preventivos anti-COVID. Este labor nas estradas, que se complementa con inspeccións periódicas en establecementos de ocio e puntos de concentracións potenciais de persoas en todo o concello, deu como resultado a identificación estes días de varios menores de idade que se atopan consumindo bebidas alcohólicas en vía pública, ademais de outras persoas en distintos lugares do concello que recibiron unha proposición de sanción “polo incumprimento das obrigas de protección sanitaria establecidas pola autoridade autonómica competente”.
Dende o día 9 de setembro a Policía Local de Rianxo incrementou os controis de velocidade complementados con puntos de verificación de alcoholemia e presenza de drogas nos condutores, sendo instruídas dilixencias policiais a tres condutores no que vai de semana por perdas de vixencia do permiso de condución e alcoholemias positivas. Amais, foi denunciado outro condutor por transitar co seu vehículo carrexando drogas.
Co gallo das datas previstas para a celebración da Guadalupe 2020 e, en coordinación coa Garda Civil, iniciouse un dispositivo especial reforzando as patrullas de servizo de ambos corpos e facendo especial fincapé na vixilancia e control do cumprimento da normativa sanitaria, seguridade cidadá e seguridade viaria.