Baluarte, Coroso, Castro e O Prado foron os areais máis afectados.
O Concello de Ribeira informa de que Urbaser, a concesionaria municipal de limpeza, retirou nas pasadas semanas 60 metros cúbicos de algas (un volume equiparable aos 60.000 litros) logo de que fai quince días as fortes
suradas que sopraron no litoral barbanzán trouxesen a estas costas
unhas cantidades inusitadas de sargazo en época estival.
As praias máis afectadas foron Baluarte (areal situado na parroquia de Palmeira), Coroso (Santa Uxía), Castro (Castiñeiras) e O Prado (Corrubedo). Para a limpeza de cada unha delas destinouse un tractor con pala frontal a efectos de levar a cabo unha primeira retirada deste organismo vexetal e, acto seguido, unha cribadora para efectuar un traballo máis fino
Dende a concesionaria recordan que as algas non están consideradas un residuo, razón pola cal non está permitida a súa retirada salvo casos excepcionais.
Para estes labores resultou imprescindible solicitar a correspondente
autorización por ser na súa maior parte espazos protexidos onde aniñan exemplares da píllara das dunas.