O ‘Diario Oficial de Galicia’ vén de publicar a convocatoria de achegas para as mariscadoras e mariscadores que paralizaron a súa actividade entre o 16 de marzo e o 30 de xuño e que non se beneficiaron da prestación extraordinaria por cese de actividade habilitada polo Goberno central
A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, visitou ás mariscadoras e mariscadores da confraría de pescadores de Muros durante a súa xornada de traballo, onde lles trasladou que o Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para os profesionais do marisqueo a pé que se viron afectados polo cese temporal da actividade como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus.
A representante do Executivo galego detallou que esta liña de achegas conta un orzamento de algo máis de 5,2 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), co obxectivo de compensar ás mariscadoras e mariscadores que viron como a demanda dos seus produtos e os prezos en primeira venda caían como consecuencia do peche efectivo da hostalaría durante o estado de alarma, o que levou á paralización da actividade marisqueira no marco da maioría dos plans de xestión existentes na comunidade.
Poderán beneficiarse destas achegas as persoas titulares de permisos de explotación para marisqueo a pé de recursos marisqueiros xerais ou específicos que non sexan beneficiarias da prestación extraordinaria por cese de actividade habilitada polo Goberno central para facer fronte ao impacto da pandemia. Precisamente, a Xunta incluíu estas axudas no seu plan Avantemar, de reactivación e dinamización do eido marítimo-pesqueiro trala alerta sanitaria, coa finalidade de apoiar aos profesionais do sector marisqueiro que non se vían beneficiados polas medidas deseñadas polo Executivo estatal.
A titular de Mar en funcións detallou que esta liña de apoios pretende paliar os efectos da paralización temporal da actividade do marisqueo a pé entre o 16 de marzo e o 30 de xuño deste ano, polo que poderán acceder ás achegas aquelas persoas que teñan unha actividade extractiva (días de traballo) neste período inferior á media de actividade no mesmo espazo de tempo dos tres exercicios anteriores (2017-2019). Enténdense como días de parada subvencionable a diferencia entre os días de actividade media nos tres anos anteriores a 2020 menos os días de actividade realmente desenvolvida no período referido do presente exercicio.
A orde tamén establece que a contía da achega por día de parada será equivalente ao 90% do nivel de ingresos medio da actividade extractiva a pé por colectivo (marisqueo xeral, percebe e poliquetos) entre o 16 de marzo e o 30 de xuño dos tres anos anteriores a 2020. De acordo con eses datos, as contías por xornada de inactividade son de 75 euros para os profesionais do marisqueo xeral, 91 euros para os de extracción de percebe e 57 euros para os de poliquetos. Mentres, os titulares de permisos de explotación para recursos específicos diferentes a percebe e poliquetos considéranse como marisqueo xeral. Trátase de contías que, lembrou a conselleira do Mar en funcións, están por enriba dos 50 euros por día que o Executivo central pretendía establecer de xeito xeral para este colectivo.
Estas achegas pretenden compensar unha situación que, como consecuencia da caída da comercialización cara a canle Horeca, supuxo unha importante perda de ingresos para os diferentes colectivos. No caso do marisqueo a pé dedicado a recursos xerais o descenso da facturación por primeira venda entre o 16 de marzo e o 31 de maio foi do 75% respecto ao mesmo período do ano anterior, unha porcentaxe que superou o 90% no primeiro mes e medio do estado de alarma. Mentres, os percebeiros a pé viron como os seus ingresos caían un 80% ata o 30 de abril, fronte ao 70% de media ata finais de maio, e os profesionais dedicados á extracción de poliquetos perderon arredor do 90% dos seus ingresos durante o estado de alarma.
O plan ‘Avantemar’
A titular de Mar en funcións subliñou que os apoios ao sector marisqueiro se enmarcan na modificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca -adaptado para facer fronte aos efectos da pandemia e que permite a concesión de axudas pola paralización temporal das actividades pesqueiras- e inclúense nun plan máis amplo do Executivo galego, o plan Avantemar, que conta cun orzamento de 77 millóns de euros para 2020 e 14 millóns para 2021 co obxectivo de reactivar o antes posible o complexo mar-industria da comunidade.
As medidas incluídas neste programa de impulso do sector buscan que a cadea mar-industria de Galicia volva o antes posible aos niveis de actividade previos á alerta sanitaria e que ninguén quede atrás no camiño. Por iso, pon especial atención naqueles profesionais e entidades que, coma neste caso, non se benefician das medidas deseñadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro da reforma do FEMP para axudar aos afectados pola crise do coronavirus.