O Intecmar premio internacional polo seu labor no apoio á conservación e valorización do mar

03 Agosto 2020

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, recibiu a pasada fin de semana nunha gala celebrada de xeito telemático o Premio Natura Mare, un galardón internacional concedido pola firma PriceWaterhouseCoopers Portugal que recoñece a excelencia e o mérito das persoas ou entidades que actúan a prol da conservación e valorización do medio mariño. O recoñecemento xa fora concedido o pasado mes de marzo pero o acto de entrega non se celebrou ata agora á espera de como evolucionaba a alerta sanitaria polo coronavirus.

O galardón, outorgado no marco dos premios Excellens Mare 2020, enxalza o labor técnico realizado polo Intecmar no control do medio mariño, o seu espírito de cooperación coa comunidade marítima e académica e o seu carácter como referente internacional no apoio á conservación e valorización do medio mariño. Trátase dun fallo que o xurado realizou tras escoitar a especialistas, asociacións e actores relevantes vencellados co mundo do mar.

A importancia do galardón queda patente coa participación na gala de representantes de importantes institucións vencelladas co eido do mar, como o científico xefe interino da Administración Nacional Oceánica e Atmosférica (NOAA) de Estados Unidos, Craig McLean, a directora xeral da Política do Mar de Portugal, Helena Vieira, ou o presidente da asociación náutica brasileira Acatmar, Mané Ferrari.

Os premios Excellens Mare teñen periodicidade anual e contan con sete categorías. Ademais do Natura Mare, o galardón Excellens Mare recoñece a aquelas persoas ou entidades que desempeñan ou desempeñaron un papel fundamental na implantación dunha visión integrada de desenvolvemento económico sustentable das actividades do mar ou con impacto positivo e transversal en sectores importantes na economía do mar. Mentres, o Valoris Mare enxalza o labor en favor da creación de riqueza e valor na economía do mar.

A eles súmanse o Identitas Mare, que salienta o uso de temáticas do medio mariño como recurso e medio inspirador en producións de arte e cultura así como proxectos que promovan a cultura marítima, e o Navigare Mare, que centra o recoñecemento en iniciativas a prol da mellora da seguridade, de formas de cooperación relevantes entre actores relacionados co mar co obxectivo de desenvolver actividades que aporten valor ou a persoas con moita experiencia no medio acuático e con moitas horas de traballo en embarcacións, plataformas ou estruturas en contacto co medio acuático.

O premio Athletice Mare, pola súa banda, distingue ás persoas ou entidades que empregan ou promoven o medio mariño como contexto de actividades físicas e deportivas mentres que o galardón Scentia Mare recoñece os avances destacados sobre o coñecemento do medio mariño ou que promovan a innovación azul.

Ademais do Intecmar, no resto de categorías e na orde citada anteriormente, foron premiados o príncipe Alberto II de Mónaco, a empresa PSA, a Fundaçao Gil Eannes, a Revista de Marinha, o deportista Francisco Lufinha e o instituto de investigación Inesc Tec. Á entrega destes premios engadiuse ademais a concesión de varios diplomas de Revelación Azul que destacan os proxectos de innovación e emprendemento con potencial de desenvolvemento futuro das actividades do mar

Labor do Intecmar

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia iniciou a súa actividade en 1992 como Centro de Control do Medio Mariño de Galicia e realiza labores de control sobre as condicións oceanográficas, o fitoplancto, as biotoxinas mariñas, a contaminación química e os relacionados co eido microbiolóxico.

O ente dependente da Consellería do Mar tamén traballa no seguimento e control das patoloxías en moluscos bivalvos ao tempo que desempeña funcións relacionadas coa observación do océano e a loita contra a contaminación mariña accidental así como labores de apoio científico e técnico nas emerxencias marítimas.

O seu principal cometido é dar cumprimento á lexislación vixente en materia de calidade da produción de moluscos e outros organismos mariños e contribuír a protexer e mellorar a calidade do medio mariño. Para iso realiza análises anuais e controis diarios sobre os moluscos bivalvos do litoral de Galicia co obxectivo de garantir a seguridade alimentaria.

Outros artigos

Poñendo en valor os nosos máis de 2.500 km de costa

A Xunta impulsa o Camiño do Litoral cunha ruta única de norte a sur Alfonso Rueda xunto a un dos sinais identificativos da ruta Galicia conta desde esta tempada estival cun novo proxecto que permitirá a veciños e visitantes desfrutar ao máximo da súa costa ao tempo...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

Sempre tiven curiosidade pola etimoloxía da nosa onomástica. Pero tamén polosalcumes, para coñecer as razóns que os motivaron. De aí que sexa un atento lector dostextos das esquelas que se publican nos xornais.O mes de agosto sempre foi un mes moi festeiro. Por estas...

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

El rey ausente. Los muertos son números que forman parte de una estadística. ¿Números? Si. Si muere en el exterior, es el número del pasaporte, si muere en el hospital en número de la seguridad social, si muere en casa el número del DNI. Los 100 muertos en el mar,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.