O Parque Nacional das Illas Atlánticas acollerá actividades de observación astronómica ata o 17 de setembro

13 Agosto 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda manterá ata o vindeiro 17 de setembro as actividades de observación astronómica que se levan a cabo nos catro illotes que conforman o Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia. A última xornada de observación solar terá lugar na Illa de Sálvora, o vindeiro xoves 17 de setembro ás 19:30 horas.

As actividades, deron comezo o pasado 11 de agosto -polo que se ofrecerán case 40 xornadas-, desenvólvense no marco da iniciativa Starlight, un sistema de certificación turística a nivel mundial que busca a protección dos ceos nocturnos mellor preservados fronte á contaminación luminosa, ao tempo que potencia o turismo e o coñecemento arredor destes valores naturais.

Todas as persoas persoas que desexen participar nas mesmas deberán inscribirse previamente na caseta de información e o aforo esta limitado a 20 persoas (os nenos computarán como visitantes), que deberán usar obrigatoriamente máscara e xel hidroalcohólico para as mans.

A ubicación destas actividades será no Queimadorio e na Pedra da Campá, na Illa de Cíes, e no Centro de Interpretación e en Caniveliñas, no caso de Ons. Terán unha duración estimada de 30 minutos no caso da observacións solar (de 13:30 a 14:00) e dunha hora para as observacións nocturnas (de 23:00 a 00:00 h).

As actividades estarán suxeitas ás condicións meteorolóxicas, polo que se recomenda consultar as redes sociais do Parque Nacional para acceder á información actualizada sobre estas actividades, que se levarán a cabo con material óptico de última xeración e equipos electrónicos de radio. Na seguinte táboa indícase o calendario de actividades e horario.

O Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia foi declarado destino Starlight en 2016. Desde entón, máis de 71.000 persoas achegáronse ata el atraídas polo completo programa de actividades que busca difundir e promover o coñecemento das estrelas desde as illas e que dirixen entidades de divulgación astronómica como a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía, en estreita colaboración coa dirección do Parque Nacional.

No pasado verán, 22.475 persoas participaron nalgunha das accións de dinamización das zonas Starlight do parque entre o 1 de xullo e o 16 de setembro de 2019 –período no que se concentra a programación todos os anos buscando as condicións meteorolóxicas máis propicias para este tipo de prácticas-, o que supuxo manter a cifra de 2018 (23.662 persoas).

Este rexistro revela o afianzamento dos visitantes atraídos polo Starlight se se compara cos datos rexistrados en anos anteriores (9.740 contabilizados en 2016 ou 15.390 de 2017), o que significa que a participación se incrementou nun 130% en apenas catro anos.

Destino ‘Starlight’ avaliado polo Unesco

Os destinos turísticos Starlight, avaliados pola UNESCO e recoñecidos pola Fundación Starlight -entidade de ámbito internacional vinculada ao Instituto Astrofísico de Canarias-, son lugares visitables que gozan de excelentes calidades para contemplar os ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para actividades turísticas desenvolvidas arredor deste recurso natural.

O Sistema de Certificación Turística Starlight creouse co obxectivo de fomentar a mellora da calidade das visitas e a protección dos ceos nocturnos nunha serie de espazos seleccionados polas súas excepcionais condicións. Neste sentido, coa concesión deste selo búscase axuntar ciencia e turismo a través da astronomía e da visión do firmamento como ferramentas para fomentar unha nova forma de turismo intelixente.

Cómpre subliñar que este tipo de turismo astronómico sostible perfílase cada vez máis como un importante elemento da actividade socioeconómica e cultural do parque nacional e dos concellos da súa área de influencia. De aí a firme aposta que se ten feito nos últimos anos no marco do Starlight co fin de promover e dar a coñecer o potencial turístico das Illas Atlánticas a través da observación dos seus ceos nocturnos. Así mesmo, o único parque nacional co que conta Galicia tamén recibiu a finais de 2015 a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo co desenvolvemento dunha actividade turística respectuosa e de calidade.

Achegar ao público en xeral a observación das estrelas e a divulgación sobre os seus valores, unha das claves das iniciativas Starlight, enmárcase tamén nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do arquipélago, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais. Neste sentido, desde a dirección do parque estase a traballar tamén coas empresas que colaboran na Carta Europea para desenvolver produtos turísticos baseados na contemplación do ceo nocturno e as estrelas.

Outros artigos

“Alternativa habitacional” – José Manuel Pena

A lexislación establece que en caso de desaloxos dos seus fogares de persoas ou familias vulnerábeis a Administración ten que garantir unha alternativa habitacional. En Galicia, é competencia da propia Xunta de Galicia e en ocasións non se lles garante porque non hai...

+

Sábado 28, nubes altas e sol con temperatura

O sábado teremos néboas a primeiras horas en comarcas do interior que irán disipándose quedando os ceos moi abertos en xeral, con nubosidade de tipo alto que non impedirá o paso do sol. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas terán...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...