Froxán acolle unha nova xeira das Brigadas Deseucaliptizadoras, coa colaboración do investigador Stefan Laxness e a Fundación RIA

19 Agosto 2020

A aldea de Froxán, no concello de Lousame

Este domingo 23 de agosto a comunidade de Froxán en Lousame, onde ten sede operativa unha mobilización cidadá a prol do bosque autóctono galego impulsada por Verdegaia, vai dar acollida a unha nova edición das xeiras de traballo das Brigadas Deseucaliptizadoras. Ao abeiro desta nova sesión, debaterase sobre rexeneración ambiental e outras cuestións, como por exemplo a necesidade de recuperar vellos hábitos produtivos e comunitarios para transformar e renovar, con métodos tradicionais, o noso xeito de producir, cultivar, construír, xerar riqueza turística e explotar o medio ambiente. Na cita contarase coa presenza do investigador británico Stefan Laxness (que fará un mapeo aéreo con dros e un globo aerostático para tomar imaxes das forestas da contorna) e do equipo do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, formado pola Fundación RIA e o grupo de investigación HISTAGRA, da Universidade de Santiago de Compostela.

As brigadas

As Brigadas Deseucaliptizadoras son unha iniciativa nacida en 2018 e impulsada desde a aldea de Froxán en colaboración coa asociación Verdegaia. Convócanse de xeito periódico no dito núcleo de Lousame, dende onde foron quen de estenderse a outras localizacións da xeografía galega, loitando pola defensa do bosque autóctono e poñendo de relevo os riscos das invasoras como o eucalipto, ao que se combate con xeiras de erradicación colectivas a pé de monte. As brigadas teñen como obxectivo “mobilizar, organizar e coordinar persoas de todo o país con vontade de botarse ao monte para realizar accións de voluntariado ambiental en colaboración coas titulares de terreos con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización e outras especies exóticas invasoras”.

Imaxe comparativa da área de Padrón, xerada polo Mapa interactivo dispoñíbel en barbanzaecosocial.org

A cita deste domingo

Desta volta, a xeira deste domingo ten a finalidade de “fomentar o debate con dous coloquios que abordan a xestión do territorio, a reactivación de zonas en abandono e a rexeneración ambiental”. Estas actividades divulgativas están promovidas polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza, proxecto que coordina Fundación RIA en colaboración co grupo de investigación HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela e que conta co financiamento da Fundación Banco Santander e o apoio da Cátedra Juana de Vega. A páxina do proxecto está dispoñíbel en galego, castelán e inglés no sitio en liña www.barbanzaecosocial.org. O laboratorio leva a cabo saídas de campo, entrevistas aos veciños de varias aldeas e visitas aos arquivos municipais. Con estas actividades quérese “coñecer os procesos que facían sustentábeis e autosuficientes no pasado ás comunidades da península do Barbanza”, amais de avaliar cales destas prácticas poden replicarse e adaptar ao contexto actual para poder promover a súa reactivación e frear o abandono.

O Barbanza faise internacional

Da man da Fundación RIA establécese a colaboración con Stefan Laxness, investigador que participa nunha estadía artística no Centro de Arte e Creación La Laboral de Oviedo. A súa investigación, centrada na rexeneración ambiental mediante o “rewilding”, ou “volta ao salvaxe”, toma o exemplo do Barbanza para recoñecer o papel fundamental das comunidades locais nos montes en man común co obxecto de preservar a biodiversidade a través de procesos produtivos e comunitarios que facían das aldeas e parroquias, unidades autosuficientes e resilientes. A súa investigación incorpora así unha compoñente que o Laboratorio Ecosocial do Barbanza considera fundamental: o papel activo das comunidades locais na xestión e manexo do territorio como garantes da biodiversidade e da resiliencia.

Stefan Laxness é un artista e investigador de Arquitectura con base en Londres. No pasado foi líder de proxectos da axencia de investigación Forensic Architecture (FA), nomeada en 2018 ao Premio Turner. Stefan da clases na Architectural Association (AA) de Londres, onde está á fronte de Diploma 9. Expuxo a súa obra no Pavillón Antártico da Bienal de Arte de Venecia. Traballou con anterioridade en estudios de arquitectura de Londres e París.

Para máis información, podemos visitar a súa páxina web persoal.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...