Esta finde rematan as viaxes en veleiro pola ría organizadas polo Concello da Pobra

As viaxes en veleiro pola ría de Arousa organizadas polo Concello da Pobra (Concellería de Turismo) chegan esta fin de semana á súa recta final. Farano cunha singradura con saída dende A Pobra, que rematará estas excursións marítimas destinadas a presentar á veciñanza e visitantes “un xeito alternativo de coñecer o patrimonio medioambiental, marítimo e paisaxístico costeiro”. A actividade desenvólvese a bordo do Mascato durante as fins de semana de xullo e agosto, polo cal este sábado 29 e domingo 30 constitúen a última oportunidade para gozar desta experiencia.

O traxecto conta cunha duración de hora e media e as saídas establécense en quendas de mañá e de tarde: ás 11.00, 13.00, 17.00 e 19.00 horas. Cómpre sinalar que as excursións transcorren seguindo as medidas de seguridade e protocolo sanitario establecido por mor da COVID-19.

O Concello lembra que a cabida máxima do veleiro é de 10 persoas, razón pola cal é preciso reservar a praza e realizar a compra previa do tícket no punto de información turística. A solicitude de información e a resolución de dúbidas pódese facer a través do teléfono de contacto 671090262 ou do enderezo electrónico turismo@apobra.gal. O prezo estipúlase en 12 euros para as persoas adultas e 8 euros para nenos e nenas menores de 12 anos, ofrecendo desconto ás familias con máis dunha crianza.