Dous novos incendios arrasaron unhas 2,7 hectáreas de monte arborizado e raso nos municipios de Boiro e A Pobra. O primeiro dos lumes forestais iniciouse na parroquia pobrense de Lesón onte pola tarde e deuse por extinguido pasadas a unha da tarde de hoxe tras calcinar unhas dúas hectáreas de monte raso. No dispositivo de extinción participaron sete axentes forestais, nove brigadas, cinco motobombas e dous helicópteros.

O segundo incendio, orixinouse de madrugada no termo boirense, na zona de Cadarnoxo, parroquia de Cures. Os medios de extinción estiveron a traballar sobre o terreo ata as 15.23. Medio Rural desprazou á zona a tres axentes forestais, sete brigadas, seis motobombas e un helicóptero, ademais de contar coa colaboración do equipo municipal de emerxencias de Boiro. Arderon unhas 0,7 hectáreas de monte arborizado. Neste incendio localizáronse ata catro focos distintos.