“Están roubándonos o mar. Podemos dicilo e berralo aos catro ventos, porque é así”, afirmaba onte un veterano mariñeiro galego á vista do que está a acontecer co nulo coidado que en Galicia concedemos á nosa despensa mariña: ó peixe que todos comemos e do que viven os mariñeiros dende Tui e A Guarda ata a Mariña lucense. Pero, alomenos para min, a culpa non é exclusiva dos políticos -que a teñen en gran medida-. Boa parte desa culpa está nas mans e na cabeza de aqueles que co seu silenzo e, moitas veces, covardía, calan e actúan en contra do que a maioría dos seus compañeiros acordan. Velaí a proba: o xurelo captúrase ás costas dos acordos de establecemento de topes. Os que incumpren non gañan moito, pero sí tres veces máis do que fan os cumpridores. E estes culpan de todos os males á Xunta pola sua inacción. Pero non chegan a lles dicir “ós do bando escuro”, que aquilo que fan non é o que se aprobou maioritariamente, por máis ca Xunta mire para outro lado cando os seus propios axentes inspectores de pesca descubren que este ou aquel outro barco descargan en portos -autorizados ou non- grandes cantidades de peixe que saben de sobras non poden capturar. Pero é igual: pescan, arrasan, venden e saturan os mercados. Son cerqueiros como o son os que sí respectan o acordado, pero saben que non lles vai pasar nada por saltarse a lei e as normas á toreira. Xa non se lembran do que pasaba coa dinamita, cando esta se usaba para “tomar” ao asalto os grandes bancos de sardiña.
Non lembran, non. Teñen memoria selectiva. Moi selectiva. Agás no caso das eleccións autonómicas, como lembra outro mariñeiro: “En todos os portos pasa o mesmo: os mariñeiros critican a inacción, o desleixo, pero co seu voto arrasan”.
Saen elexidos. Hai maiorías. Pero como dí un patrón: “Unha vez elexidos sempre fan o mesmo. Todo igual. Por iso digo que hai armadores ós que lles está ben. Falan moito en privado das cacicadas que se cometen, pero dempois votan ós de sempre”.
Na conversa intervén outro patrón xa xubilado: “Temos que estar unidos; pero non é así. E isto é o que eles queren e así nos van as cousas. Hai que loitar para acadar o que queremos. Non debemos deixar que nos quiten o noso medio de vida. Debemos pisar e berrar nas rúas para que a xente saiba que é a Xunta que temos, a que nunca nos axuda e nos defende”.
O falar tampouco ten cancelas no mar. E moitos ampáranse na tradicional desunión dos prefesionais do sector pesqueiro. Unha desunión que mesmo os leva a loitar uns contra outros, no canto de facer unha piñoca. De ahí que a frase “Nos están roubando o mar” nin sequera se axusta á realidade porque se supón que quen rouba é para tirar un beneficio importante e na pesca pode haber beneficio, pero non de importancia. Róubanse uns a outros, como antes acontecía coa dinamita. Cando comezaron as denuncias concretas contra os “dinamiteiros”, acabóuse cos explosivos no mar. Agora o roubo é perpetrado por xente que se sabe que o fai, pero ninguén o denuncia. É máis: chegan a amparar ós que rouban o mar. E se preguntas por qué non se fai constar quen rouba, xustifican o silenzo dicindo que “non vou denunciar a un compañeiro”.
Por isto digo que a culpa non está toda do lado da Xunta. O sector tamén ten boa parte da mesma. E calando non se gañan as batallas.