“Corrubedo, aquela vila de area e son”. Antón Luaces

Que a comarca do (ou da) Barbanza é unha das marabillas que Galicia pode ofertar a quen viaxe a esta terra (con moito por descubrir para propios e estranos) non debe resultar novidoso. Pero no marco desa oferta barbanzónica que aprendín a querer grazas a persoeiros tan significados para min como don Juan Emilio Álvarez de Prado, don Carlos García Bayón e don Ramón González Mariño (“Monchín”) -curiosamente os tres moi recoñecidos mestres de escolas privadas, co engadido para García Bayón de ter sido por longo tempo cronista oficial de Riveira- resulta doado -e obrigado- apuntar directamente a unha das nove parroquias que integran este concello con son de seu e recendos de resina misturados de sal e iodo que o vento trae da súa península: Corrubedo. 

Un ronsel de nomes sonoros por rotundos: Riveira (capital municipal), Palmeira, Olveira, Oleiros, Corrubedo, Castiñeiras, Carreira, Artes e Aguiño, conforman esta banda da ría de Arousa que abre o ollo máxico da luz intermitente do histórico faro corrubendense ó mar aberto dun Atlántico oceánico que ten ó lonxe as costas de América á que tantas familias desta comarca foron parar por uns ou outros motivos (sempre relacionados coa mellora económica e, polo tanto, da vida).
Corrubedo é xa case que unha pequena vila. Sobre todo en verán cando centos de fillos desta parroquia retornan de Euskadi, Cataluña e outros lugares da xeografía española, amáis de facelo doutros países nos que, como os migrantes a América, instalaron o seu sistema de vida levados polo traballo arreo, en moitos casos dependente do mar. Foi perdendo parte da súa estrutura inicial de aldea de pescadores, pero como todas estas en Galicia conserva esa especie de desexo ascentral de gabear á parte máis alta da contorna inmediata na que asenta a moi mariñeira igrexa con exvotos e bisbeos que ecoan oracións de, sobre todos, mulleres de mariñeiros que xa non van ao peirao ou á praia naquel agardar inquedo ata que a luz incerta debuxaba a faciana do pai, do fillo, do home que retornaban a porto na súa dorna polbeira e así o medo deitaba na casiña que os acougaría. Nunha desas casas tiña a súa perruquería unha muller pescadora, viúva, que exercía con oficio o arte de barbear con navalla, escoitando as badaladas da igrexa que marcaban os tempos de oración polo mediodía e a tardiña, xa entre lusco e fusco estas para misas vespertinas e novenas e misas de aniversario
Ese Corrubedo que, aló polo final dos anos 50 e principio dos 60 dispuña dunha estrada de terra e pedra pisadas con senllos carreiros nos estremos sen pedra para camiñantes e ciclistas, chegaba ata o centro mesmo do pobo, onde se atopaba a perruquería desa muller que lembro como se fose hoxe: baixa, pano á cabeza, enloitaba e navalla de barbear na man destra. Case sempre ventaba en Corrubedo e o mar retumbaba nas rochas da costa, especialmente na punta do cabo, onde o torreiro vivía coa súa familia ao pé do faro e coa motocicleta Lambretta sempre disposta por se había que saír en calquera circunstancia. 
Sempre que ía daquela a Corrubedo -a onde só se podía chegar en autobús -liña Baltar-Sarasquete- unha vez pola mañá e outra pola tarde- desprazábame en bicicleta, unhas veces indo por Castiñeiras e Carreira para sair á Coenlleira e baixar a Corrubedo e, dende aquí, por Oleiros retornar a Riveira por Deán. O peso da bicicleta era notable, e as dificultades da estrada, evidentes. Pero nunca esqueceréi a entrada e saída de Corrubedo en días ventosos, coa estrada absolutamente invadida pola area das enormes dunas que o vento peiteaba nunha sinfonía inacabada que as badaladas da igrexa parroquial remarcaban, cousa que hoxe a penas se percibe, como tampouco se escoitan os tumbos de mar que, disque, eran a causa de que os corrubedenses falaran cun acento un tanto distinto e co ton propio dos barítonos altos e tenores. (En noites de mal tempo, disque era posible ver o orco bebendo escuma de mar no rochedo do faro). 
Corrubedo ten a súa intrahistoria, hoxendía marcada por un feito indiscutible: é terra de patróns e capitáns de pesca e poucos mariñeiros de liña ou aparello.