
España conta cunhas 40.000 persoas sen fogar. Un millón e medio familias viven en infravivendas. Dentro da Unión Europea, só Bulgaria e Letonia presentan indicadores de desigualdade máis altos que España. Segundo datos estatísticos da AEAT e do INE, a metade da poboación asalariada cobra menos de mil euros mensuais. Datos estes que nos trasladan unha crúa realidade do que sucede con demasiadas familias no noso país.
En Galicia, segundo a ong Caritas, hai máis de catro mil persoas sen teito e que viven, habitualmente, na rúa. Para iso, no seu día, un dos informes da oficina do Valedor do Pobo xa recomendaba que terían que articularse plans de vivenda cunha porcentaxe maior de vivendas sociais, entre outras cuestións. O IGVS e a FEGAMP asinaron, no seu día, un Convenio de colaboración para o desenvolvemento dun Programa de vivendas baleiras dentro do Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora do acceso á vivenda para os exercicios 2016 ao 2.018 e prorrogables. Abriuse o prazo para a adhesión dos municipios ao devandito convenio e que mobilizasen como vivendas sociais en aluguer as vivendas baleiras, non xa só das administracións públicas e particulares senón tamén das entidades financeiras.
Ata o momento, a pesar da boa intención, todo quedouse no papel mollado e non chegou a ter unha aplicación práctica, co cal se segue sen dar cumprimento ao dereito á Vivenda, contemplado no artigo 47 da Constitución.