A Xunta proporá que as máscaras sexan obrigatorias nas aulas para profesorado e alumnado maior de seis anos

19 Agosto 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, tras a reunión do Comité clínico de expertos sanitarios, que a Xunta proporá que as máscaras sexan obrigatorias en todo momento nas aulas para profesorado e alumnado de máis de seis anos, “unha proposta sanitariamente correcta e epidemioloxicamente fundada”.

Feijóo ratificou que “o que máis nos preocupa é a volta ás aulas e o protocolo do inicio do curso escolar”, antes de engadir que o comité clínico revisará o protocolo elaborado en coordinación coas Consellerías de Educación e Sanidade para actualizalo, tanto en función da evolución da pandemia como co que se acorde na conferencia de presidentes, da que aínda non hai data de celebración. Neste senso, Feijóo reclamou un protocolo único para todo o sistema educativo español porque “necesitamos criterios claros e homoxéneos”.

Por outra banda, o presidente lembrou a decisión de incorporar a 240 novos docentes para cumprir a ratio de 25 alumnos por aula. Ademais, a partir da vindeira semana, comezaranse a realizar probas serolóxicas a todo o persoal dos centros de ensino non universitario e de FP. “Serán en total 40.000 profesionais os que participarán nesta mostraxe, previa ao inicio do curso escolar, buscando, coma sempre, a máxima seguridade”, sinalou.

Detección de casos

O presidente da Xunta valorou que “seguimos realizando unha intensísima labor na detección de casos positivos”. De feito, na área sanitaria da Coruña estanse a realizar unha media de 900 PCR diarias, o triplo do que se facía, por exemplo, no mes de abril.

O luns comezou o cribado dos colectivos especialmente sensibles e máis expostos -Policía, Protección Civil, profesionais de farmacia, funcionarios da administración local, traballadores de axuda no fogar-. Deste xeito, xa se realizaron 460 probas nos concellos de Abegondo, Bergondo e A Coruña. E hoxe mesmo arrinca un programa de cribado da poboación entre 18 e 40 anos da cidade da Coruña, onde se vai invitar a participar a arredor de 1.000 persoas diariamente, ata chegar aos 62.000 que pertencen a esa franxa de idade.

Precisamente sobre a situación na área da Coruña, que nas últimas semanas acaparou aproximadamente tres de cada catro novos casos que se producen en Galicia, Feijóo informou de que se está a reducir a taxa de incidencia por cada 100.000 habitantes e non se constatou transmisión a outras comarcas.

O Comité clínico valorou a posibilidade de tomar novas medidas restritivas, como novas reducións de aforo ou novos controis. Na reunión do próximo venres avaliarase a situación e valorarase a necesidade de establecer algunha medida concreta de aforos. Neste senso, o presidente da Xunta insistiu en que “o importante é cumprir as medidas que temos en vigor desde fai 14 días nesta área”.

Eido sociosanitario e explotacións agrícolas

Na mesma liña de realizar cribados para a detección de casos, o Comité clínico aprobou a instrución para que se lles realicen probas diagnósticas a todos os novos residentes das residencias sociosanitarias, así como aos empregados que se incorporen con novo contrato ou regresen aos centros despois de permisos ou vacacións. O presidente da Xunta lembrou o límite das visitas a unha persoa por residente e cunha duración máxima dunha hora ao día.

O Comité clínico tamén aprobou definitivamente o protocolo de explotacións agrícolas con traballadores temporeiros. Así Feijóo sinalou que “o obxectivo é incrementar a seguridade sanitaria nas campañas conxugando a continuidade da actividade coa saúde dos traballadores”. Deste xeito, a partir do mañá, 20 de agosto, comezaranse a realizar probas diagnósticas a arredor de 3.000 ou 4.000 traballadores.

Feijóo insistiu na necesidade de manter as prevencións e estar sempre alerta porque “o virus segue aí”. E remarcou que as persoas que se encontran en corentena deben de cumprila, independentemente de se a PCR é positiva ou negativa. “A PCR negativa non exime de cumprir a corentena na súa totalidade”, insistiu, engadindo que aínda que saír á rúa ou ter contacto con familiares e amigos poida parecer inofensivo, pode significar novos contaxios e poñer en perigo a vida doutras persoas.

O presidente da Xunta concluíu advertindo que “hai que ser responsables para non ter que dar pasos atrás que serían dramáticos para a nosa economía e tamén para a nosa saúde”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Nélida Piñón, eterna”. Alberto Barciela

“Nélida Piñón, eterna”. Alberto Barciela

Nélida Piñón fue, debería decir es, un ser de realidades inusitadas, desacostumbradas al menos. Pervive en su obra inmensa, en sus obras, en sus archivos, y sobre todo en el cariño de sus amigos, en el recuerdo de sus admiradores, en la evocación permanente de los...