A Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña está a piques de dar un novo paso en materia cuantitativa e cualitativa. Así o fixeron saber este venres 21 de agosto a entidade provincial e máis o Concello da Pobra do Caramiñal, que mantiveron unha primeira toma de contacto para integrar o espazo de traballo colaborativo da vila barbanzá (o coworking da Casa da Mocidade no Lagar) na devandita rede provincial, conformándose un tecido de traballo innovador no que tamén se integran Boiro, Oleiros, Carballo, Brión, Moeche ou Ames (Milladoiro), concellos que aglutinan espazos de emprendemento ligados a aqueles sectores nos que teñen meirandes fortalezas e potencial.
A xuntanza celebrouse na sede da Deputación. Participaron o deputado da área de emprego, Xosé Ramón Riobóo, o alcalde pobrense Xosé Lois Piñeiro, a concelleira de Promoción Económica, Charo Varela, a concelleira de Cultura, Sanidade e Relacións Institucionais, Patricia Lojo e a coordinadora do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña, Marisa Lista.
Nesta reunión Riobóo salientou que “a Deputación da Coruña ten un especial interese en promover o emprendemento e a creación de novas empresas na provincia, motor da nosa economía” e que “desde o Plan de Emprego Local se están a realizar grandes esforzos por impulsar ás novas empresas e reter o talento novo na provincia”.
O coworking da Pobra, emprazando no antigo Restaurante Lagar, conta cunha superficie de 265 metros cadrados e catro áreas diferenciadas: unha para usos múltiples, unha sala para cursos e informática e dúas zonas Fab-Lab (laboratorios de creatividade) nas que se poderá acceder as novas tecnoloxías, como á impresión 3D. Segundo fixo saber na xuntanza o rexedor da Pobra, “O Fab-Lab é unha instalación que vive da mesma filosofía que a do coworking, a do traballo colaborativo e de aprender de outros”. Piñeiro salientou a reunión como “moi positiva, cremos que vamos a conseguir o pulo que estábamos buscando para o noso coworking grazas ao asesoramento da Deputación.
Con esta iniciativa, o Concello quere dar, en colaboración coa Deputación, un paso máis no ámbito da promoción económica e empresarial que vén desenvolvendo e incidir máis “no fomento da cultura do emprendemento”.
As dúas entidades coincidiron en salientar que “existe unha correlación positiva entre a promoción do espírito emprendedor e os resultados económicos en termos de crecemento, supervivencia de empresas, innovación, creación de emprego, cambio tecnolóxico e incremento da produtividade que ofrecen as perspectivas de desenvolvemento socioeconómico para a comarca do Barbanza”.