A Delegación do Goberno lembra ás librerías galegas que poden solicitar axudas extraordinarias

A Delegación do Goberno en Galicia lembrou ás librerías galegas que poden solicitar as achegas extraordinarias polas perdas derivadas da pandemia da COVID-19. “Son 4 millóns de euros do Ministerio de Cultura e Deporte para financiar proxectos de adaptación estrutural e mantemento”, explica. Nun comunicado, precisa que esta liña de achegas está aberta ata a próxima semana para librerías independentes. Os únicos requisitos nos establecementos xeneralistas son ter máis de 3.000 títulos e nos especializados, máis de 1.500.

Entre os proxectos para financiar poden estar a realización de obras e adaptación física dos establecementos ás novas circunstancias dadas pola crise sanitaria; a adaptación da prestación do servizo ao cliente ás condicións de seguridade sanitaria e a renovación tecnolóxica das entidades que lles permita levar a cabo a venda a través de internet, entre outros. Ademais, indica que esta medida complementa “outras previas para combater a falta de liquidez, como os ERTE, as axudas para persoas autónomas ou o ingreso mínimo vital”.