A alerta sanitaria e o estado de alarma do coronavirus enfrontaron aos profesionais do mar con grandes retos que afectaron á súa actividade, marcada polas dificultades coas que se atoparon para colocar os seus produtos no mercado como consecuencia do descenso da demanda provocado polo peche da hostalaría. Malia isto, a actividade dos
homes e mulleres do mar non cesou, manténdose intacta a cadea de distribución que levou alimentos de calidade á cidadanía para que non faltase peixe fresco nas mesas, un produto saudable e necesario na dieta, xa que achega, entre outros beneficios, a vitamina D que non se podía obter do sol estando recluídos no fogar. Para minimizar o impacto da emerxencia sanitaria no sector e convidar á cidadanía a consumir produtos do mar durante o confinamento, a Xunta (a través da Consellería do Mar) puxo en marcha en abril unha campaña de promoción e divulgación titulada “Merca produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco”.
Esta acción naceu co “fin de impulsar a demanda e os prezos dos produtos pesqueiros para que a frota que seguía operativa durante o estado de alarma puidese desenvolver a súa actividade en condicións de rendibilidade a pesar das dificultades derivadas da expansión da covid-19”.
Durante ese tempo a campaña facía fincapé no apoio aos profesionais que estaban activos naquelas circunstancias de emerxencia sanitaria, que eran arredor de 10.000 mulleres e homes carrexando a diario, ás preto de 40 lonxas galegas que continuaban abertas, unhas 700 toneladas de alimento de calidade para abastecer á cidadanía durante o confinamento.En maio a iniciativa reforzouse coa súa difusión nos puntos de venda de supermercados e hipermercados de cadeas de distribución como Froiz, Gadisa, Carrefour, Vegalsa- Eroski e El Corte Inglés, nos que se distribuíron 7.000 carteis, 7.000 vinilos e 24.000 letreiros promocionais que animan a comprar produtos pesqueiros e a apoiar o esforzo dos profesionais do mar. Segundo informa o Goberno galego facendo balance da campaña de promoción, esta vertente da iniciativa aplicada aos puntos de venda é unha
iniciativa aberta a todas aquelas cadeas distribuidoras, prazas de abastos e peixerías que estean interesadas en participar. O obxectivo: mostrar a importancia e a necesidade de que o sector extractivo conte co apoio da cidadanía para manter unha actividade rendible, convidando a todas as galegas e galegos a “manterse no mesmo barco na loita contra a enfermidade e fomentando a reciprocidade no esforzo de cada un dos cidadáns da nosa terra”.
A actualidade da campaña
Na desescalada e neste verán poscovid no que estamos mergullados, o espírito da campaña Merca produto fresco do mar.Estamos no mesmo barco segue vivo porque, entre outras cousas, segue viva a necesidade de pechar fileiras arredor do sector e dos seus produtos. En base a isto, a campaña continúa presente nos medios de comunicación e nos puntos de venda de produtos do mar de supermercados e hipermercados para, en
palabras do Goberno galego, “dar continuidade a ese apoio tan ou máis necesario tamén durante a reactivación da cadea mar-industria”. Neste novo capítulo da iniciativa as e os protagonistas seguen a ser os mesmos (as e os profesionais do sector) e os obxectivos mantéñense. Entre estes, pervive e mesmo se fortalece o esforzo de favorecer que as persoas do sector obteñan o prezo máis xusto posible polo seu esforzo.